Artesanía e deseño van da man nunha nova edición da feira Chalana
Por Redacción & Mónica Patxot
Quince casetas instaladas no paseo Antonio Odriozola acollen ata o próximo 5 de agosto a undécima edición de Chalana, a Feira Atlántica da Artesanía e Deseño. É unha actividade incluída nas Festas de Verán de Pontevedra.
A feira, que se inaugurou este xoves, está aberta todos os días en horario de 11 a 14 horas e de 19 a 23 horas.
Tecedoras como Cuaderna Maestra ou artesáns téxtiles como Mico ou La Luna y La Luciernaga e Carlotas son algunhas das propostas desta feira.
A xoiería renóvase coa presenza do xoieiro Amorei, que presenta pezas inspiradas na natureza ou no bambú, sen esquecer á colareira do Grove, Montse Betanzos, que traballa con cunchas naturais, os esmaltes ao fogo de Xakarandá e o traballo do obradoiro vigués Mario Fernández, que é quen de reciclar en xoias antigos utensilios de prata.
Os Alegres de Pontevedra presentan os seus derradeiros traballos na recuperación de instrumentos tradicionais na feira, na que tamén participan a recoñecida ceramista Pilar Piñeiro, os traballos con area de Artesam e o obradoiro de coiro Jatafarta.
Completan os expositores a meleira Apipili e o espazo para a madeira e os xogos tradicionais dos artesáns pontevedreses Trebello. Tamén sorprende, por primeira vez, as exclusivas pezas de Iroma e A Bocados.