Moraña contará fibra óptica no casco urbano, os dous polígonos e seis aldeas
Por Redacción
O Concello de Moraña vai recibir unha importante mellora nas súas infraestruturas tecnolóxicas, xa que vaise instalar a rede de fibra óptica, que permitirá contar con acceso ultrarrápido a internet no casco urbano, nos polígonos industriais de Afieiras e Mirallos e nas aldeas de Paraños, Chaián, Souto, Alberguería, Corrigatos e Soar.
Esta actuación, que se enmarca no Plan de Banda Larga 2020 da Xunta de Galicia coa colaboración da administración xeral do estado, foi comunicada ao Concello de Moraña pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que solicitou explicitamente a colaboración da institución local para a súa execución.
Estas obras vanse desenvolver por Telefónica grazas ao financiamento de fondos europeos e realizaranse no concello morañés entre o que resta do presente exercicio e o vindeiro ano 2019. Tras a súa posta en marcha, as empresas, negocios e vivendas dos emprazamentos beneficiarios poderán acceder a internet a unha velocidade de alomenos 100 megas, o que axilizará desde as súas cuestións profesionais ata o seu uso a nivel de usuario.
Ademais, a Xunta tamén informou ao Concello que está en marcha outro plan para favorecer a dotación de máis velocidade de acceso a internet en moitas outras zonas do municipio que, polo momento, non contarán co servizo de fibra óptica, polo que se agarda que a mellora tecnolóxica sexa global en todo o termo municipal.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, quixo poñer en valor esta actuación, "xa que ten alomenos a mesma importancia que cando melloramos unha pista ou acometemos un saneamento, posto que en pleno século XXI as infraestruturas tecnolóxicas son fundamentais para o desenvolvemento da nosa vida laboral e cotiá".