Cambados xa conta as horas para o inicio da Festa do Albariño
Cambados ultima os preparativos para a nova edición, que será a número 66, da súa festa máis emblemática: a Festa do Albariño, que se celebrará entre os días 1 e 5 de agosto. O Paseo da Calzada volverá ser o centro neurálxico dun evento que atraerá a miles de persoas á auténtica capital do viño albariño.
As 42 casetas que acollerán ás 44 adegas que ofrecerán os seus mellores caldos en Cambados xa son visibles no Paseo da Calzada. Ata alí desprazáronse a alcaldesa, Fátima Abal, e o presidente do consello regulador Rías Baixas, Juan Gil de Araújo; para presentar os detalles desta festa e a súa intensa programación.
Tras a polémica dos últimos meses, chegouse a un acordo para regular os horarios de apertura e peche das casetas de degustación de albariño. Así, abriranse o mércores 1 de agosto ás 13.30 horas. Pecharán todos os días ás 3.30 da madrugada, salvo venres e sábado que poderán facelo ás catro. Haberá media hora a maiores para desaloxar o paseo.
Gil de Araújo explicou que, ademais, 58 adegas rexistráronse para participar na cata da que sairán os premios aos tres mellores viños da edición, cuxos nomes serán desvelados o último día da festa, o domingo 5 de agosto.
A Festa do Albariño terá, como sempre, na súa parte máis lúdica un dos seus grandes atractivos. O edil de Cultura, Víctor Caamaño, explicou que se manterá o mesmo formato de anos anteriores pero ampliando os eventos de música, circo, teatro ou humor a máis espazos "emblemáticos" de Cambados.
O obxectivo, explicou, é promocionar o municipio e facer que a festa "se viva máis de día" e que estea máis dirixida aos propios habitantes de Cambados. Ademais, haberá un protagonismo especial para propostas culturais da comarca e unha "aposta clara" pola música galega e a música de raíz.
Durante os cinco días de festa actuarán Kepa Junquera (mércores 1), Caxade, Ana Bacalhau, Guadi Galego e Paulinha (xoves 2), a Orquestra de Jazz de Galicia con Pedro Guerra, Martirio e Uxía (venres 3), Leda Atómica, Monolius Dop, Toteking e Dakidarría (sábado 4) ou a Banda de Música de Castrelo con Rosa Cedrón, Miguel Ladrón de Guevara e Paco Lodeiro (domingo 5).
O programa completo de actividades da Festa do Albariño pódese consultar na web do Concello de Cambados.
A alcaldesa anunciou que, por primeira vez, serán dúas mulleres as encargadas de dar o pregón de inicio á festa e o discurso do Xantar do Albariño, o principal acto institucional. Serán a activista social Merchi Álvarez e a artista Menchu Lamas, respectivamente. Ademais, cinco dos 45 euros que custa esta comida doaranse ao Refuxio de Animais de Cambados.
Por primeira vez, serán dúas mulleres as encargadas de dar o pregón de inicio á festa e o discurso do Xantar do Albariño: a activista social Merchi Álvarez e a artista Menchu Lamas
Ademais, Fátima Abal aproveitou para pedir á Xunta de Galicia que firme "canto antes" os papeis para avanzar na declaración da Festa do Albariño como Festa de Interese Turístico Internacional. A rexedora explicou que todos os informes preceptivos son favorables e esperan poder " festexar" así un "gran avance" cara a este recoñecemento.
DISPOSITIVO DE SEGURIDADE E LIMPEZA
O Concello de Cambados, segundo relataron os edís Xosé Ramón Abal e Tino Cordal, fará un esforzo importante para despregar un amplo dispositivo de seguridade e limpeza para esta Festa do Albariño, de forma que nada embace esta celebración.
Así, Cambados contará coa colaboración de axentes de policía chegados desde Vigo ou voluntarios de Protección Civil de Pontevedra, que se integrarán nun equipo de seguridade que contará, por primeira vez, cun posto de mando avanzado, situado na avenida de Madrid, desde o que se coordinará todo o operativo.
Haberá patrullas mixtas entre a Policía Local e a Garda Civil e axentes especializados en casos de violencia machista. Haberá ademais un "punto morado" ao que poderá acudir calquera persoa que sufra algún episodio de abusos e que estará atendido por unha técnica de igualdade, unha psicóloga e os propios policías.
Ademais, o Paseo da Calzada contará con catro vixiantes privados e tamén se reforzará a seguridade na praza de Fefiñáns, escenario dos catro concertos. Alí estará situada unha das dúas ambulancias medicalizadas que contratou o Concello a maiores, tras a negativa do Sergas a reforzar o persoal do centro de saúde durante as festas.
Para a chegada de visitantes, Cambados habilitou 1.300 prazas de aparcadoiro en espazos disuasorios, situados en todas as entradas ao municipio, e para mellorar a mobilidade deseñouse un itinerario pechado que comezará na Avenida de Vilariño. Por último, máis de 60 operarios traballarán para limpar todas as rúas do municipio.
Relacionadas:
-
O Albariño de Cambados, máis preto de ser Festa de Interese Turístico Internacional
Por Diego Torrado & Redacción |
-
A Festa do Albariño chega disposta a saciar a sede durante a vaga de calor deste inicio de agosto
Por Redacción |
-
A subdelegada do Goberno insta aos concellos a poñer en marcha os "puntos morados" en festas e eventos
Por Redacción |
-
A Xunta e o Concello de Cambados asinan o convenio para a celebración da 66 edición da Festa do Albariño
Por Redacción |