Touradas fóra de Pontevedra aprecia un crecemento "moi importante" na sensibilización da cidadanía contra a tauromaquia
Por Oskar Viéitez
A asociación Touradas fóra de Pontevedra convocou unha mobilización antitaurina para o sábado 11 de agosto.
Segundo informou un dos portavoces deste colectivo, Borxa González, a manifestación esixirá a modificación na nova Lei de Protección Animal que segue amparando as corridas de touros como espectáculo no que non se maltrata ao animal e tamén reivindicarán que o Concello de Pontevedra "poña fin ao convenio que ten asinado coa praza de touros" polo cal lle entrega 35.000 euros anuais a cambio de poder usar o recinto para algúns eventos como a Feira Franca.
Ademais sinalan outro tipo de "privilexios" con estes empresarios como o uso de determinados espazos públicos para anunciar as corridas "cremos que o Concello pode dar un paso e prohibir esta cuestión" e tamén chaman a atención sobre as cantinas que se montan no coso de San Roque durante a celebración do torneo medieval porque "eses ingresos van directamente para a praza de touros e por tanto van destinados á celebración destes festexos e aí vemos unha forma de subvención directa clarísima".
Este colectivo antitaurino pídelle ao goberno local "que siga dando pasos como xa está a dar todos estes anos", o máis recente foi a adhesión oficial do Concello de Pontevedra ás administracións contrarias aos espectáculos onde se someta aos animais a torturas, malos tratos ou violencia.
"Para nós o Concello é un aliado por iso, con máis forza se cabe, solicitámoslle que poña fin ao convenio", que interpretan como unha "subvención indirecta" que non admiten en "unha organización política co compromiso que demostrou contra as touradas" como é o BNG, segundo afirmou Borxa González.
Os abolicionistas destacan que este é un espectáculo en pleno retroceso no conxunto do Estado e sinalan que Pontevedra é a última localidade en Galicia con feira taurina.
A dúas semanas da celebración desta manifestación Touradas fóra de Pontevedra recolleu os apoios de máis de medio centenar de colectivos "e contamos con que sigan aumentando". Igualmente na rúa "vemos un crecemento moi importante" na sensibilización da cidadanía contra a lidia "non só da xente nova, tamén de persoas de todas as idades".
"Cando empezamos hai 10 anos en Pontevedra non había debate social", sinalou Borxa González. "Non temos datos pero si podemos garantir que a maioría da sociedade pontevedresa está en contra das touradas, rexeita a utilización de diñeiro público para financiar esta actividade e está a favor da abolición".
A manifestación antitaurina do sábado 11 de agosto arrincará na praza da Ferrería ás oito da tarde para rematar diante da Subdelegación do Goberno.
Relacionadas:
-
Touradas fóra de Pontevedra, sobre o 'baixón' taurino: "Sendo a única praza de Galicia, nin con esas conseguen enchela"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Marea e Galicia Mellor sen Touradas entregan 130.000 firmas contra o convenio coa praza
Por Redacción |
-
Asociacións animalistas ven unha "evidente decadencia" da afección taurina en Pontevedra
Por Redacción |
-
Eduardo Lozano: "A mellor resposta a este movemento animalista é seguir acudindo aos touros"
Por Marisa Ciordia |
-
Pontevedra, declarado concello contrario á tortura animal
Por Natalia Puga |
-
Touradas fóra de Pontevedra volverá saír á rúa o 11 de agosto contra a feira taurina
Por Redacción |