O campus de Pontevedra acollerá a primeira WordCamp de Galicia
Por Redacción
Os días 22 e 23 de setembro a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra acollerá a celebración por primeira vez en Galicia dunha WordCamp centrada en WordPress, sistema de código aberto empregado para a xestión de ao redor do 30% das páxinas web de todo o mundo.
Este luns o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e Juan Hernando, presidente da comunidade de WordPress en Pontevedra, asinaron un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación WordPress para a organización deste evento no que estiman que participarán ao redor de 200 persoas.
O convenio xorde co obxectivo de "realizar conxuntamente actividades e proxectos en todo tipo de asuntos que resulten de interese" para as dúas institucións e contempla que a Universidade de Vigo cederá gratuitamente os espazos precisos para a celebración da WordCamp e WordPress Community Support PBC comprométese a reservar un 20% das entradas dispoñibles do evento para os membros da comunidade universitaria a un prezo de dez euros por asistente.
O decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Baamonde, comentou que o interese do seu centro en acoller o evento xorde, entre outros factores, ante o inicio do Máster de Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, que converte a esta facultade nun referente na formación en contidos para contornas dixitais.
Segundo explicaron os promotores da WordCamp Pontevedra 2018, trátase dun evento sen ánimo de lucro de dous días de duración organizado por voluntariado da comunidade de WordPress Pontevedra co apoio da organización internacional Fundación WordPress.
Na primeira xornada da cita, o sábado, o programa inclúe dous grupos de conferencias con 20 relatores "que abarcarán todas as temáticas posibles para que tanto novatos como expertos aprendan e divírtanse". Na xornada do domingo celebrarase un Día do Contribuidor no que as persoas interesadas aprenderán a colaborar co propio proxecto de WordPress mediante traducións, soporte, desenvolvemento, vídeo, etc.
Ademais, durante o venres celebraranse diferentes actividades, como unhas charlas gratuítas dentro do programa do PontUp Store ou unha visita guiada por Pontevedra.
Desde a organización subliñan como a cita "non é unha conferencia exclusiva con contidos sobre desenvolvemento e programación, senón que calquera tema relacionado con WordPress a calquera nivel é benvido: blogues, negocios, accesibilidade, redes sociais ou tendas en liña".