
© Mónica Patxot
O Pazo Provincial dá visibilidade ás persoas con parálise cerebral
O hall de entrada do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra encheuse este luns "de ledicia, dignidade, igualdade e beleza" con motivo da inauguración oficial da exposición fotográfica 'Atrévete a coñecerme', organizada pola Confederación Aspace co propósito de dar visibilidade á realidade das persoas con parálise cerebral e sensibilizar á sociedade.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurou a exposición acompañada pola deputada de Cohesión Social, Digna Rivas; o presidente de Aspace Galicia, Eulogio López Rio; o xerente de Aspace Galicia, Nacho Pérez; o presidente de Amencer-Aspace, Carlos Godoy; e Mónica Touriño, directiva de Aspace Galicia.
A exposición, que chega este ano á súa sétima edición, é itinerante e está composta por 20 fotografías que Asier Bastida realizou para Aspace Álava. Trátase de 20 retratos a cor de distintas persoas con parálise cerebral da entidade acompañados de mensaxes transmitidos tamén por persoas con parálise cerebral.
Eulogio López destacou que "todas as persoas da provincia sentiranse representadas pola exposición e sentirán orgullo de que a Deputación a acolla" mentres que Carmela Silva resaltou que "con estas fermosas imaxes cheas de sorrisos, compartimos vidas, compartimos experiencias e, en definitiva, unha maneira de entender o mundo no que todos e todas somos iguais".
Os obxectivos desta iniciativa son dar unha maior visibilidade ás persoas con parálise cerebral, transmitindo os aspectos máis cotiás do seu día a día e resaltando o feito de que a súa vida é idéntica á de calquera outra persoa; así como potenciar a imaxe das persoas con parálise cerebral coma cidadáns de pleno dereito; e resaltar as capacidades do colectivo.
Esta mostra itinerante poderase visitar no hall do Pazo Provincial desde este luns 30 de xullo ata o vindeiro 14 de agosto de luns a venres en horario de 08.00 horas a 20.00 horas.
Exposición fotográfica 'Atrévete a coñecerme' de Aspace na Deputación
Carmela Silva, Digna Rivas, Eulogio López Rio, Nacho Pérez, Carlos Godoy e Mónica Touriño inauguraron este luns a sétima edición da exposición fotográfica 'Atrévete a coñecerme', organizada pola Confederación Aspace no Pazo Provincial para dar visibilidade á realidade das persoas con parálise cerebral e sensibilizar á sociedade
© Mónica Patxot