A moción de censura tras a que Pedro Sánchez chegou ao Goberno pillou a Maica Larriba co curso terminado. Período de descanso para os seus alumnos de Bacharelato, pero non para ela, que arrancou o verán cunha intensidade propia de setembro ao ser nomeada subdelegada do Goberno.
É unha responsabilidade que ata a data está a ser "intensísima" e na que está a contar "coa altísima cualificación dos funcionarios desta administración", que superan as 600 persoas.
A estabilidade política pasa inexorablemente pola estabilidade numérica, con iso Maica Larriba García engade que "estamos a traballar nun proxecto que ten como obxectivo político cumprir; se é posible para toda a lexislatura.
De feito o Goberno que se conformou, non é para dous días e estanse tomando medidas moi importantes", expón en PontevedraViva Radio.
Muller comprometida coas políticas sociais e a igualdade de sexos, apunta como área de especial sensibilidade a violencia de xénero. Unha das accións que xa esta semana implántase e repetirase pola xeografía da provincia nestas datas de citas festivas e presenza masiva de persoas na rúa son os 'puntos morados', centros de atención móbiles atendidos por voluntari@s previamente formados, con apoio de concellos e Xunta e coordinados polas Xuntas Locais de Seguridade - que ofrecen axuda a persoas que sufrisen unha situación de violencia, acoso, etc...
Falamos neste Cara a cara ademais de Juana Rivas e de Sonia Iglesias.
Pontevedra resulta ser unha das provincias españolas con maior número de mobilizacións. Unha circunstancia que preocupa e ocupará á subdelegada do Goberno, pero que "non é un feito negativo. Os cidadáns teñen dereito a reclamar na rúa se o estiman oportuno. O certo é que as mobilizacións que hai na rúa non xeraron conflitos. Ata agora das que chegaron non rexeitei ningunha. Estas demandas significan problemáticas que hai que atender. Eu quero que a voz dos cidadáns entre na Subdelegación e que esa voz sexa remitida ás instancias superiores".