Veciños alertan dun niño de velutina na fachada dun edificio do Paseo de Cervantes
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os veciños do coñecido como edificio Palmeras, situado entre as rúas Paseo de Cervantes e Pastor Díaz, na contorna da Alameda de Pontevedra, detectaron nos últimos días a presenza dun niño de avespa velutina ou asiática na súa fachada e alertan sobre o perigo asociado á súa existencia.
As avespas crearon o seu niño á altura do sexto piso do edificio e mantén en alerta a boa parte dos residentes, que alertaron polo menos en dúas ocasións ao número 012 da Xunta de Galicia do que estaba a suceder. Nos últimos días mesmo se constatou que unha lle picou a un veciño do inmoble, afortunadamente sen consecuencias graves para a súa saúde, dado que non é alérxico.
Os veciños indican que non poden abrir as xanelas por medo a que entren as avespas, situación que se complica coa entrada da onda de calor prevista para a recta final desta semana.
Fontes oficiais da Policía Local e os Bombeiros de Pontevedra indicaron que non foron alertados da situación. Os bombeiros son os responsables da retirada destes niños no centro de Pontevedra, pero fontes consultadas indicaron que ata primeira hora da tarde deste mércores ninguén pedira a súa presenza na zona. Si foron alertados de dous niños na avenida de Vigo e a avenida da Estación e, de feito, na madrugada do martes ao mércores procederon á súa retirada.
Estes niños adoitan retirarse utilizando traxes especiais de protección e de noite ou ao amencer ou anoitecer, ao ser o momento do día no que a raíña adoita estar no interior. Resulta fundamental retirar o niño coa raíña dentro.
Relacionadas:
-
Loita sen tregua contra a velutina: retiran 118 niños no rural e 22 no centro en tres meses
Por Redacción |
-
O Grupo Stop Velutina intensifica as súas accións
Por Redacción |
-
Cuntis demanda fondos para facer fronte á prevención de incendios e a avespa velutina
Por Natalia Puga |
-
Os apicultores alertan sobre as avespas velutinas: "O único xeito de erradicalas é saber onde están todos os niños"
Por Redacción |
-
Unha veciña de Barro recibe asistencia médica ao ser picada por tres avespas velutinas
Por Redacción |