Bueu considera "nefasta" a xestión da Xunta na retirada de niños de velutina
Por Redacción
O Concello de Bueu alertou este xoves da "nefasta" xestión que está a facer a Xunta de Galicia dos niños de avespa velutina que está a proliferar no municipio, como no resto de Galicia.
O concelleiro de Medio Ambiente, Adrián Ferrer, cualificou desta maneira a actuación da administración autonómica ao tempo que lembrou que a Xunta asumía a retirada dos niños ata o ano 2014 e nese momento asumiu a tarefa o Concello a través da sinatura dun convenio que o convertía en concello colaborador. En función dese acordo, a administración autonómica proporcionou á local traxes e unha pértega para a retirada dos niños.
A retirada realizábase mediante ese convenio en colaboración cos membros de AGA - Morrazo, pero dado que este ano estes voluntarios rexeitaron seguir a realizar estes traballos de forma voluntaria coa colaboración económica e medios do Concello, Bueu deuse de baixa como concello colaborador, polo que este verán a Xunta debe asumir de novo a retirada.
No tempo que pasou desde esa decisión, menos dun mes, no Concello ten constancia de que a retirada por parte do 012 e da administración autonómica "está sendo totalmente ineficiente", acumulándose niños sen retirar mesmo en vivendas ou en núcleos de poboación con risco.
Ante o que está a acontecer, o Concello recomenda á cidadanía de que no momento de chamar ao 012 no caso de ter un niño próximo á súa vivenda entregue tamén no rexistro xeral un escrito para que se poida ter constancia.
Relacionadas:
-
O alcalde de Bueu presenta ante a Xunta de Galicia unha reclamación pola mala xestión das avespas velutinas
Por Redacción |
-
Bueu reparte trampas para combater a invasión da avespa velutina
Por Redacción |
-
RADIO.- Stop Velutina: "Sen abellas desaparecerían tres cuartas partes dos produtos que comemos"
Por Marisa Ciordia |
-
Bueu adhírese á plataforma Stop Vespa Velutina Galicia
Por Redacción |