O Centro Comercial Urbano Zona Monumental prescinde da súa xerente e da súa sede
Por Oskar Viéitez
A piques de cumprir 25 anos de vida o Centro Comercial Urbano, antes Área Comercial Zona Monumental, acaba de perder á súa xerente e a súa sede pola crise.
"Houbo que facer recortes", asume resignado o presidente da entidade Miguel Ángel Lago Rey, "dados os acontecementos económicos todas as empresas temos que acondicionar os nosos ingresos e gastos, e o Centro Comercial Urbano non é unha excepción".
Neste sentido Lago Rey indicou que houbo que prescindir da Xerente, Leticia Freire, igual que ocorrerá en breve coa sede, situada na rúa San Xulián, "agora estamos pendentes de que nos poidan ceder un local".
"Ao recortar os gastos poderemos afrontar máis actividades", indicou Lago.
O Centro Comercial Urbano está constituído polos establecementos dedicados ao comercio, hostelería, lecer, servizos e profesionais situados nas rúas urbanas do casco histórico e perímetro que, voluntariamente, deciden formar parte desta entidade que supón a súa agrupación baixo unha imaxe común propia permanente e xestión estratéxica profesional compartida.
Actualmente conta con 130 socios, "aínda que temos unha serie de establecementos que aínda que non pertencen á asociación considéranse como adheridos", sobre todo de hostelería, "trabállanse igualmente con eles porque o obxectivo non é optimizar o número de asociados senon dinamizar a zona".