A vida eremítica. A beleza da arquitectura rupestre
Por Marga Díaz
A soidade, o pracer do silencio e o achegamento a Deus deberon ser motivos suficientes para empuxar os antigos eremitas a levar as súas vidas afastados de calquera indicio de civilización. Hoxe paradoxalmente, valóranse os vestixios deste xeito de vida como testemuñas dunha peculiar cultura que mesmo en moitos casos derivou en novas correntes filosóficas e de pensamento, case novas formas de civilización: os eremitas formaban en ocasións pequenas comunidades, onde as regras de silencio e austeridade respectábanse como base fundamental de convivencia. O achegamento a Deus era unha constante nestes asentamentos que se realizaban en lugares apartados e de difícil acceso buscando o illamento, o contacto coa natureza e a paz interior. O norte de España conta cun dos focos de maior interese para achegarnos a este modo de vida que centos de anos despois nos segue resultando fascinante. As igrexas e eremitorios de Valderredible, Aguilar de Campoo ou Cervera de Pisuerga entre outros, salpican os territorios do sur de Cantabria e o norte de Palencia. A peculiar orografía da montaña palentina e o val cántabro suxeriron lugares idóneos para os anacoretas, que non dubidaron en utilizar pequenas cavidades rochosas para establecer o seu fogar ou o seu lugar de oración. A viaxe promete e a opción de perdernos polo val a beiras do Ebro é tentadora, pero, se cadra, o máis recomendable sería tomar como punto de partida o Centro de Interpretación de Santa María de Valverde que nos vai dar unha idea dos puntos de máis interese da zona de Cantabria. Xusto á beira do Centro poderemos empezar xa a ruta na Igrexa de Santa María, unha das máis destacables ao conservar un interior de gran beleza e moi ben conservado. A igrexa parece ser o resultado de dous templos que posteriormente se uniron e sufriu varias modificacións ata chegar ao seu aspecto actual. Está bordeada por unha necrópole e un campanario de espadana construído sobre a rocha na que se escavaron os templos.
Se continuamos ruta atoparemos mostras moi singulares, como a diminuta ermida de Cadalso hoxe día a pé de estrada, a curiosa igrexa de Santa Eulalia en Campo de Ebro ou a de Arroyuelos, algo maior, erixida nun penedo con dúas alturas que se comunican por unha desgastada escaleira interior tamén escavada na propia rocha. Todas elas nos retrotraen a un pasado afastado e austero.
Pero a ruta aumenta o seu misticismo ao irnos penetrando en camiños e nos bosques que os circundan ata chegar á necrópole de San Pantaleón, onde se respira un ambiente case esotérico: a entrada ben oculta entre os arbustos e a vista desde a necrópole a un dos vales máis melancólicos da zona crean esa sensación de soidade que aínda se percibe hoxe día.
Traspasando xa a fronteira á beira palentina, a igrexa dos Santos Xusto e Pastor, moi preto de Aguilar de Campoo, está considerada a "catedral da arte Rupestre" en Palencia. Cun interior moi interesante e ben conservado, é unha das máis salientables e ademais moi fácil de localizar. Tamén a ermida e necrópole de San Martín de Valdivia atópanse sen problemas, integradas case en pleno pobo. Este asentamento de San Martín é de gran interese ao ser o único que conserva unha inscrición que achega algo de luz á súa orixe e historia.
Pero merece a pena penetrarnos e perdernos por rutas algo máis apartadas, onde aínda que a paisaxe vólvese algo máis árido por momentos, os bosques seguen salpicando as ladeiras do camiño e esconden outras xoias: ao achegarnos á ermida de San Pelayo cun acceso próximo ao pequeno pobo de Villacibio, invádenos unha intensa sensación de soidade, pero así é como quererían sentirse os seus antigos ocupantes. Xa en terras máis fértiles o eremitorio de San Vicente, realizado nunha pequena rocha esburacada a modo de cova resulta máis entrañable, coa aparencia dunha pequena vivenda que mira a fermosa paisaxe na confluencia dos ríos Pisuerga e Ribeira. E xa viaxando á localidade burgalesa de Presillas, unha vez abandonada a estrada, oculta nunha arboleda, a impresionante San Miguel albíscase entre fentos e carballos: a obra na roca é tan fermosa que é inevitable trasladar a nosa imaxinación á marabillosa Capadocia Turca.
Pero hai máis, moito máis... a montaña palentina e o bosque cántabro gardan aínda secretos, pois hai aínda decenas de covas por explorar, algunhas delas ás que só se accede cun bo equipo e un guía especializado.
A concentración de eremitorios destas características é aquí una das maiores da Península, pero os santuarios creados por mor dalgún asentamento inicial rupestre salpican moitos máis lugares da nosa xeografía: San Pedro de Rocas en Ourense, San Millán da Cogolla na Rioxa, ou mesmo a fermosa San Saturio, que construída xa no século XVIII pero erixida sobre a antiga gruta do santo, aparece perfectamente integrada na paisaxe soriana.
A vida eremítica facíase en solitario ou formando pequenas comunidades. Nalgún caso como o Cenobio de San Pedro de Rocas na Ribeira Sacra, un dos máis antigos da Península Ibérica, a rocha escavouse para acubillar a un pequeno grupo de monxes cativados pola beleza desas terras e o acougo e paz que destilaban. Outro como o Mosteiro de Suso na Rioxa, que arrebata a San Pedro o récord en antigüidade, acolleu nos seus inicios o monxe anacoreta Millán que logo foi nomeado Santo. O que nun principio foron unhas covas onde habitaba e oraba o ermitán, converteuse posteriormente nun cenobio no que varios monxes anacoretas facían vida aínda que illada, xa algo comunitaria. Anos despois a devoción por San Millán fixo que se erixise o pequeno Mosteiro que hoxe atopamos e máis tarde xa engrandecido polo poder monacal, o outro gran Mosteiro de San Millán da Cogolla (o de Yuso) para acoller os restos do santo. Ambos os Mosteiros son hoxe Patrimonio da Humanidade pola súa importancia artística e histórica ao gardar as primeiras palabras escritas en lingua castelá e tamén en eúscaro: as Glosas Emilianenes. Para calquera afeccionado á historia, a arqueoloxía ou a arquitectura eclesiástica é un pracer visitar ambos os lugares separados tan só por un par de km. pero os amantes da peculiar arquitectura rupestre adorarán o pequeno Mosteiro de Suso, escondido entre árbores centenarias coma se quixese pasar desapercibida sen deixar rastro nin pegada algunha.
Fóra de España a arquitectura rupestre toma moi diversas formas, desde os elevados Mosteiros de Meteora en Grecia, localizados en rochas de altura case imposible de alcanzar, ata as Igrexas escavadas en Lalibela horadando a terra da antiga Abisinia, hoxe Etiopía.
Pero a enorme concentración de vivendas e igrexas escavadas en roca e a espectacular paisaxe que as rodea fan que o exemplo máis belo do fenómeno rupestre atopémolo na Capadocia. Situada na parte continental asiática de Turquía, a Capadocia forma un conxunto de vales de diferentes cores e formas sorprendentes. A natureza foi xenerosa con esta rexión que se veu formando grazas á acción de diversos elementos: a toba volcánica de antigas erupciones, a acción da auga, e sobre todo a caprichosa erosión do vento.
A persecución aos cristiáns nos primeiros séculos da nosa era e a vida anacoreta que desenvolveron os monxes fixo que se aproveitasen estas rocas para acoller igrexas, tumbas e vivendas, algunhas delas furadas ata sete niveis de profundidade. O culto cristián desenvolveuse particularmente no Val de Göreme, un auténtico museo ao aire libre, infestado de pequenas igrexas e algún que outro mosteiro. É difícil diferenciar en Göreme o que é unha simple rocha do que é unha Igrexa que para máis sorpresa acolle no seu interior fermosas pinturas murais: a de San Xurxo ou a da Mazá son algún dos máis belos exemplos que se poden visitar.
Hoxe podemos pasear polos camiños do Val rodeados de enormes pedras con moi diversas e curiosas formas e imaxinar o que poderían sentir os antigos habitantes destas terras: A conexión dos fieis coa natureza e en definitiva co seu Deus debía de ser total.
A UNESCO declarou moitos destes lugares Patrimonio Mundial, algo que pode contribuír á súa conservación, aínda que paradoxalmente sitúaos á súa vez no punto de mira do turismo de masas, coa consecuente deterioración que isto leva. Unha vez máis, aínda a risco de parecer un tópico, hai que dicir que a responsabilidade da preservación destes lugares privilexiados é de toda a sociedade. O viaxeiro debe ser respectuoso co patrimonio pero tamén coa cultura e isto inclúe o respecto á poboación local e ao seu modo de vida, para tentar conservar a súa autenticidade. Niso consiste a viaxe responsable e o turismo sustentable.
Relacionadas:
-
Marga Díaz, colaboradora de PontevedraViva, publica unha reportaxe en National Geographic sobre Ons e Cíes
Por Redacción |
-
Berlín: cultura, integración e vangarda
Por Marga Díaz |
-
Galicia, terra de cultura e patrimonio
Por Marga Díaz |
-
Venecia, moito máis que pontes e canais
Por Marga Díaz |
-
Unha escapada de Venecia a Padua
Por Marga Díaz |
-
'Camino Soria'
Por Marga Díaz |
-
O bosque encantado
Por Marga Díaz |
-
Exipto: un patrimonio crecente e un turismo en decadencia
Por Marga Díaz |