Carlota Román aposta por unha Praza de Abastos "moderna, de calidade e que dinamice o Centro Histórico"
Por Redacción
Tres dípticos de cores azul, burdeos e verde recollen as conclusións do traballo de auditoría para diagnosticar os puntos fortes e febles dos tres sectores profesionais do Mercado de Abastos: Peixes, Carnes e Varios. A documentación foi entregada este luns aos usuarios da instalación municipal pola Concellería de Promoción Económica.
Os responsables deste departamento municipal mantiveron senllas xuntanzas informativas, nas que tamén estivo presente a Inspección da Consellería de Sanidade, co obxectivo de xuntar esforzos a prol da profesionalización e mellora continua.
A concelleira Carlota Román encargou o ano pasado este estudo de consultoría coa intención de optimizar as prácticas e continuar apostando por un mercado de calidade, moderno e que exerza todo o seu potencial como dinamizador socioeconómico do Centro Histórico. "Non se trata tanto de corrixir a ninguén, como de dispor dun diagnóstico que nos permita identificar o que estamos a facer ben e tamén aquilo no que, tanto os usuarios como o propio Concello, podemos mellorar", destacou.
Carlota Román está satisfeita da acollida que tivo a presentación das conclusións, porque, destacou," parece que vai calando a idea de que temos que traballar todos xuntos para que o mercado teña futuro". Neste sentido, explicou que "agora temos un documento serio e obxectivo; o que temos que facer e ilo implantando progresivamente nun labor que será tutelado pola Administración da Praza, pero tamén polas inspeccións de Sanidade e Traballo", explicou.
As principais conclusións despois do estudo diagnóstico do Mercado de Abastos de Pontevedra, realizado durante o segundo semestre do pasado ano despois dunha comprobación exhaustiva e entrevistas coa totalidade dos concesionarios, son que, en xeral, apróbase a orde e limpeza dos postos, os envases utilizados, a hixiene da indumentaria, os útiles de manipulación de alimentos, os produtos almacenados, as instalacións de refrixeración e a atención ao cliente.
As áreas nas que atoparon cuestións a mellorar son o etiquetado dos produtos, a documentación sanitaria que garanta a trazabilidade, a exposición do produto, o control de temperatura, a indumentaria dos traballadores que garanta unha manipulación hixiénica do produto, os hábitos do persoal, o control da contaminación cruzada, a hixiene nos útiles de traballo e a segregación selectiva de residuos.
Relacionadas:
-
Carlota Román cifra en 200.000 euros anuais o déficit do Mercado e insta a abrir polas tardes
Por Alejandro Espiño |
-
Mensaxe ás praceiras no 'Showcooking' para promover o Mercado de Abastos
Por Diego Espiño |
-
Ábrese o proceso para a poxa dos postos vacantes na Praza de Abastos
Por Alejandro Espiño |