Os técnicos de emerxencias inciden en reclamar máis ambulancias para o inicio das Festas da Peregrina
Por Anxo Lourido
Dirixentes da Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (ASGATE) cren que esta fin de semana cumpríronse as previsións que adiantaran durante a rolda de prensa que ofrecían a semana pasada co concelleiro do Partido Popular, César Abal. Manteñen que o dispositivo de emerxencias debe de ser maior para atender todas as situacións de emerxencias que se recollen durante a celebración dos actos das agrupacións de peñas.
José Iglesias, vicepresidente de ASTAGE, sinala que, ademais das 14 incidencias que durante o domingo rexistrou a ambulancia contratada polo Concello, a través do 061 atendéronse outras dúas incidencias derivadas da inxesta de alcol, que non se correspondía con menores.
En total, ao longo da fin de semana realizáronse 37 servizos, unha cifra que desde este colectivo de técnicos entenden que deberían ser atendidas por unha dotación maior de ambulancias. Iglesias cre, ademais, que esta fin de semana non houbo tanta afluencia de peñistas como en anos anteriores e agarda que as complicacións se produzan durante a próxima fin de semana co inicio das Semana Grande das Festas da Peregrina.
Indicou que para o sábado está prevista a ambulancia da Cruz Vermella contratada polo Concello para atender ás peñas, ademais doutra para as actividades que se desenvolven na Alameda e outra para os eventos taurinos. Estas dúas ambulancias trasladaranse despois á zona das Corbaceiras para atender calquera incidencia que se rexistre durante a tirada dos fogos artificiais.
O colectivo de técnicos de emerxencias entende que deberían destinarse tres ambulancias, como mínimo, para as peñas, tendo en conta que será unha xornada masiva de afluencia de público a esta celebración e que posiblemente, por experiencia doutros anos, resulte "conflitiva". Indica que destes servizos pendendentes das peñas non debería facerse cargo o 061 porque iso supón un detrimento na atención a outros casos de emerxencia que se rexistren durante esa xornada
Relacionadas:
-
Técnicos de emerxencias cifran en 68 os servizos realizados durante as dúas fins de semana de peñas
Por Natalia Puga |
-
Carme da Silva fai balance positivo da festa das peñas e afirma que "o Concello non incita a beber alcohol a menores"
Por Anxo Lourido |
-
O primeiro sábado de 'peñas' deixa 14 atendidos en Montecelo por agresións e catro por intoxicacións etílicas
Por Natalia Puga |
-
As 'peñas' toman a cidade. Fronte á vaga de calor e as máximas de 38 graos, auga e viño
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Técnicos de emerxencias critican o dispositivo de seguridade durante as peñas e propoñen reforzalo
Por Natalia Puga |