O Partido Popular propón unha mesa para resolver o "botellón descontrolado" na festa das peñas

Por Anxo Lourido
O Partido Popular lamentou este martes a imaxe que se transmite de Pontevedra durante as festas de celebración de penas. É un "resultado desastroso", indicaba o presidente local e portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez. Considera que 20 intoxicacións etílicas, 12 delas de menores é un dato preocupante.
Indica que a mala imaxe que ofrece a cidade durante esas celebracións afecta os veciños que o sofren; aos hostaleiros, que se atopan con perdas de ata o 90% durante esas xornadas; aos turistas que quedan "espantados" e aos menores, que supoñen un 60% das persoas que precisan atención por consumo de alcol.
Ante esta situación, os populares fan un chamamento ao goberno local para buscar unha solución a este problema do "botellón descontrolado" que se produce en Pontevedra. Rafa Domínguez propón crear unha mesa no que se trate o tema e analícese a situación. "El BNG levanta la prohibición de beber en la calle", indicou o popular refiríndose a eses días.
Por iso, desde o PP critican tamén a indiferenza coa que a concelleira de Festas e tenente de alcalde, Carme da Silva, está a tratar este problema. "É incomprensible", afirma Domínguez e cre que esta actitude non beneficia á imaxe de Pontevedra nin á dos menores. Neste sentido, o portavoz popular leu diversas mensaxes de redes sociais nas que varios turistas criticaban esa festa. "O BNG debe recapacitar", indicou, reclamando un maior control dos menores para evitar o consumo de alcol.
POLÉMICA PROTESTA POLICIAL DURANTE O PREGÓN
Sobre as acusacións de Carme da Silva de que o PP se atopaba detrás das protestas de axentes da Policía Local que protestaron durante o acto de lectura do pregón de inicio das Festas da Peregrina, Rafa Domínguez manifestou que "se hai algún culpable é o BNG e Lores" sinalando que o goberno local mantén o conflito enquistado cos representantes sindicais da Policía Local.
Domínguez afirmou que "non me agradou o lugar que escolleron" para expoñer a súa protesta pero indicou que respectaron a lectura do pregón e que os axentes están a sufrir unha situación complicada. Neste sentido, realizou unha comparación coas protestas dos funcionarios xudiciais e de como, entón, a concelleira Carme da Silva reclamaba ao goberno do Partido Popular unha negociación.
"Si soy alcalde, en unas semanas se soluciona el conflicto", afirmou Rafa Domínguez.
Relacionadas:
-
O PP alerta do problema que supón para o comercio local a falta de aparcamento e de transporte público
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez reunirase semanalmente con afiliados do PP para compartir ideas e opinións
Por Redacción |
-
Axentes da Policía Local rexeitarán realizar accións voluntarias ata que se resolva o conflito laboral co Concello
Por Anxo Lourido |
-
Técnicos de emerxencias cifran en 68 os servizos realizados durante as dúas fins de semana de peñas
Por Natalia Puga |
-
O Concello sitúa a "un grupo dirixido polo PP" detrás do boicot da Policía Local ao pregón
Por Natalia Puga |
-
Tres menores, trasladados por intoxicación etílica a centros hospitalarios durante este sábado de peñas
Por Redacción |