A praza de touros abre as súas portas para un espectáculo de cabalos con fin benéfico
Por Marisa Ciordia
Fóra do abono da feira taurina, a praza de San Roque acolle este mércores 15 a partir das 19 horas un espectáculo ecuestre dirixido a público familiar e ao que os menores de doce anos tamén pode acudir. A compañía burgalesa Duende Ecuestre regresa á cidade de Pontevedra, onde con éxito de público actuara fai seis anos.
Nesta ocasión fano co espectáculo 'Así bailan os cabalos españois' dado que a maioría da cuadra que intervén son de raza española, sinala o seu director Alberto Borjas. Durante o mesmo poderanse ver diferentes modalidades de doma de cabalos; números de baile, carruseis e tamén números de ponys. Outro dos atractivos do evento é a participación de Sandra Borjas, campioa de espectáculos na SICAB, o Salón Internacional do Cabalo de Pura Raza Española que anualmente ten lugar en Sevilla.
Engadir que para esta actuación en Galicia, tamén van participar outras dúas amazonas galegas: Lucía Valladares e Naila Ferreiro, ademais da Asociación do Cabalo Galego, de Santiago, que igualmente realiza domas.
O prezo das entradas é de doce euros para adultos, oito euros a partir de cinco anos; mentres que os menores ata os catro anos non pagan entrada. Estes espectáculos que organiza Duende Ecuestre teñen carácter benéfico, concretamente a investigación da ELA, Esclerose Lateral Amiotrófica. O motivo? unha das primeiras persoas ás que se diagnosticou esta enfermidade é veciño da localidade de Carcedo de Burgos, localidade á que pertence Borjas e está situada Trasgo Ecuestre. Foi na capital burgalesa onde a empresa organizou un espectáculo benéfico con estes fins e foi tan exitoso, que se propuxeron seguir celebrando funcións noutras localidades. No caso de Pontevedra contactouse coa asociación AGAELA, que será a beneficiaria.
Relacionadas:
-
Reclaman á Xunta iniciar o proceso para expropiar a praza de touros de Pontevedra
Por Redacción |
-
Dez anos de Gala Hípica en Campañó
Por Redacción |
-
O Salón Internacional de Sevilla elixe tres cabalos de Ponte Caldelas entre os dez mellores do mundo
Por Redacción |
-
Unha concentración cabalar preludiará a Festa da Troita
Por Redacción |