Máis nenos e prezos máis baratos, principais novedades das ludotecas de verán
Por Alejandro Espiño
Máis nenos e prezos máis baratos. Así se presentan unha nova edición das ludotecas de verán. Un total de 1.200 nenos dos colexios públicos de Pontevedra, 120 máis que o ano pasado, poderán participar no programa municipal de "Escolas de Verán". E o custo abarátase cinco euros, para quedar en 30 euros nas urbanas e 20 euros no rural. Son as principais novidades desta actividade presentada este martes no Concello de Pontevedra.
A oferta está aberta durante os meses de xullo e agosto a rapaces de entre 3 e 12 anos escolarizados e empadroados no municipio de Pontevedra. As ludotecas xirarán ao redor de dúas propostas temáticas diferenciadas: A Volta ao Mundo para os rapaces do centro urbano e Pequenos científicos, para os do rural. As ludotecas urbanas funcionarán en catro quendas quincenais durante xullo e agosto, mentres que no rural as quendas serán mensuais.
O programa, segundo explicou o presidente de FANPA Pontevedra, Alberto Pita, inclúe un amplo abano de actividades. No rural, baixo o eixe "Pequenos Científicos", os nenos serán introducidos na ciencia e a astronomía. "Farán experimentos sinxelos e aprenderán procesos físicos e químicos co que teñen a man", destacou.
Pola súa banda, os rapaces das escolas urbanas realizarán actividades baixo a temática xenérica A Volta ao Mundo/Around the World: realizarán unha viaxe virtual por todo o mundo no que gozarán e coñecerán as diferentes culturas espalladas polos cinco continentes. "Nela poderán coñecer diferentes culturas e formas de entender o mundo", dixo Alberto Pita. E os que participen na ludoteca de inglés avanzarán no coñecemento do idioma nun ambiente divertido.
Estas ludotecas urbanas se ofrecen este ano nos colexios Campolongo, Manuel Vidal Portela e Marcos da Portela (que se incorpora á rede), xunto coa ludoteca de inmersión lingüística en inglés, no colexio de Barcelos. No rural, seguirán funcionando as asentadas nos colexios de Vilaverde (Mourente), Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio e Santo André de Xeve.
Mesmo hai posibilidade de ampliar o horario cos servizos de almorzo (dende as 7,30 horas) e comedor (ata as 16.00 horas). Estes dous servizos, que se ofrecen tamén esporadicamente para cubrir demandas concretas, requiren de pago adicional. Os prezos do servizo de comedor son de 42 euros por quincena e do servizo Madruga 22 euros sen almorzo e 28 euros con almorzo. Ofrécense tamén de servizos esporádicos.
Segundo destacou o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, o goberno local fai un gran esforzo "para que ninguén quede fóra" desta proposta municipal e por apoiar ás economías familiares "especialmente en época de recortes sociais". Cualificou as ludotecas como un "servizo básico" e unha demostración de que é posible desenvolver políticas máis sociais e igualitarias. "Mentres uns reducen, o Concello amplía", destacou.
Agustín Fernández destacou a forte aposta pola conciliación familiar e laboral, que inspira esta iniciativa. As "Escolas de Verán" nacen para facer a vida máis fácil aos pais e nais que traballan e teñen serias dificultades durante as vacacións escolares. Para reforzar esta vocación mantense o horario ampliado entre as 9 horas e as 14 horas. Incorpóranse tamén a esta franxa as ludotecas do rural, que ata o de agora tiñan unha dispoñibilidade máis reducida.
Estas ludotecas contan cun orzamento de 55.000 euros, pero como destacou Alberto Pita con eses cartos "financiamos as actividades de verán, as ludotecas do Nadal e se hai remanente como este ano, tamén as de Semana Santa".
As solicitudes deben presentarse na sede de FANPA (rúa Alfonso XIII número 7) entre os días 20 e 27 deste mes de maio en horario de 9 a 14 horas. Tamén é posible enviar un correo electrónico ao enderezo actividades@nontedurmas.org.