A queimada máis grande do mundo tóstase en Sanxenxo
Por Redacción
Mouchos, coruxas, sapos e bruxas. Demos, trasgos e diaños, espritos das nevoadas veigas... o esconxuro da queimada soou na noite calorosa deste martes en todo o municipio de Sanxenxo. Alí celebrábase a convocatoria para realizar a Queimada máis grande do mundo entre a música de Treixadura e posteriormente coa animación da discoteca móbil Dolce Vita. Xa pola mañá, a sardiñada popular congregou por centos de persoas no interior da lonxa de Portonovo.
Este mércores, a festa de San Roque continúa coa procesión matinal de Adina e a actuación da cantante Pili Pampín a partir das 22.30 horas. Tras a coñecida intérprete tamén se poderá gozar do espectáculo da Bomba de Canarias.
Xa o xoves haberá outra cita relixiosa co encontro das imaxes e un concerto da banda de música con procesión pola tarde. Durante a noite actuarán a Orquestra Marbella e Foliada Band. A medianoite vai levarse a cabo a tirada de fogos artificiais.