O PP propón crear a Casa de Cultura Municipal Alexandre Bóveda no antigo edificio de Facenda
Por Anxo Lourido
O Partido Popular pon en marcha a campaña 'Pontevedra en positivo' coa idea de realizar propostas para as próximas eleccións municipais. A primeira destas propostas era explicada polo presidente local do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado pola xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.
Esta iniciativa céntrase na creación dunha Casa de Cultura Municipal nas antigas instalacións ocupadas pola delegación de Facenda no convento de San Francisco. O edificio denominaríase 'Alexandre Bóveda', unha condición indiscutible para Rafa Domínguez, ao entender que se dá a circunstancia de que o político nacionalista traballou nesa mesma localización como empregado de Facenda. Ademais do mesmo xeito que o pontevedrés asasinado na Caeira defendía a " autosuficiencia de Galicia", os populares queren defender a "autosuficiencia da Cultura" para crear riqueza.
Domínguez sinalou que Pontevedra conta cun importante potencial cultural e este espazo albergaría diversas zonas para dar cabida ás distintas modalidades artísticas e culturais. O candidato popular á alcaldía indicou que se instalarían varias salas de exposición; unha biblioteca municipal con especial atención cara á literatura infantil e tamén galega; salón de actos; un centro interxeracional e unha sala na que se recolocarían os arquivos históricos municipais e provinciais. "Sería un espazo único para os investigadores de Galicia", afirmou Domínguez.
O representante local dos populares engadiu tamén que contactara con representantes do mundo escénico, ademais de con a familia Bóveda e asegurou que todos mostraron a súa satisfacción con este proxecto. Rafa Domínguez afirmou que se este proxecto fose asumido polo goberno de Fernández Lores tamén o apoiaría porque entende que o Concello debe liderar o clúster, que entende pódese crear nun breve prazo de tempo, e tamén a creación da Casa da Cultura, que recoñeceu que sería unha proposta a máis longo prazo.
Os populares consideran que sería necesaria a implicación de empresas para crear riqueza e emprego ao redor deste proxecto. A campaña de presentación deste tipo de iniciativas continuará ao longo dos próximos meses a través de almorzos abertos con diversos sectores e actos de presentación.
Relacionadas:
-
O PP cre que "é o momento" para unha Casa da Cultura no edificio de Facenda
Por Redacción |
-
O PP alerta do problema que supón para o comercio local a falta de aparcamento e de transporte público
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez reunirase semanalmente con afiliados do PP para compartir ideas e opinións
Por Redacción |
-
Apenas catro frades manteñen con vida o convento de San Francisco
Por Oskar Viéitez |
-
En Marea pide no Congreso anular os consellos de guerra sumarísimos como o de Alexandre Boveda
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PP propón que o Concello concentre os servizos municipais na antiga Delegación de Facenda
Por Anxo Lourido |
-
Facenda e Deputación aínda non se sentaron a negociar a cesión do edificio da Ferrería
Por Oskar Viéitez |