En Marea pide no Congreso anular os consellos de guerra sumarísimos como o de Alexandre Boveda
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Coincidindo coa conmemoración este venres 17 de agosto dos 82 anos do asasinato de Alexandre Bóveda na Caeira, en Poio, En Marea acaba de presentar no Congreso dos Deputados unha batería de preguntas ao Goberno do Estado para reclamar a reparación da memoria do histórico dirixente nacionalista.
O deputado de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello pide, a través desas preguntas que o goberno de Pedro Sánchez cumpra a Ley de Memoria Histórica e anule o Consello de Guerra sumarísimo que ditou a pena capital para quen era secretario de organización do Partido Galeguista e responsable da Delegación Provincial da Facenda Pública en Pontevedra.
En Marea insta ao actual Goberno socialista a promulgar Declaracións de Reparación e Recoñecemento Persoal, como tamén ten feito o PP, pero tamén a dar un paso máis e tomar a iniciativa declarar a nulidade de todas as sentencias de morte promulgadas polo exército golpista, empezando pola de Bóveda.
"A reposición da memoria histórica ten que ir máis alá de sacar a Franco do Val dos Caídos", defende o deputado Fernán Vello.
Este venres, ademais, En Marea e Marea Pontevedra organizan, como xa é habitual nos últimos anos, un acto para conmemorar o Día da Galiza Mártir a partir das 12.00 horas nos xardíns de Casto San Pedro, na praza da Ferrería.
Baixo o epígrafe 'Memorias Rescatadas', porán voz ao acto Ana Seijas (vicevoceira de EM), Peque González (Marea Pontevedra), Silvia Díaz (EM Poio) e a escritora e académica Marilar Aleixandre para homenaxear a todas as mulleres que sufriron a represión dos fascistas tralo levantamento militar. Ademais, a violinista Tatiana Cidrás interpretará unha peza, nun acto ao que tamén asistirá o voceiro da formación do cambio, Luís Villares.
A partir das 13.00 horas, os representantes de En Marea tomarán parte nos actos organizados pola Fundación Alexandre Bóveda, cunha ofrenda floral e a interpretación do himno galego no monumento na honra do histórico nacionalista e intelectual galego na Caeira; no xantar e entrega do XIII Premio do Día da Galiza Mártir a Xosé María López de Guereñu e na ofrenda cívica (19.00 horas) diante do sartego de Bóveda no ceminterio de San Amaro.
Relacionadas:
-
A antiga escola de Cons acollerá unha homenaxe á Mourente represaliada no 36
Por Redacción |
-
O PP propón crear a Casa de Cultura Municipal Alexandre Bóveda no antigo edificio de Facenda
Por Anxo Lourido |
-
RADIO.- Valentín García Bóveda: "Debería ser o Día dos Mártires Galegos e conmemorar todo aquelo que construíron"
Por Marisa Ciordia |