Quen crea que aos rapaces non lles interesa a política equivócase
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Quen asegura que aos rapaces non lles interesa a política é porque non coñece aos alumnos do IES Frei Martín Sarmiento.
Co propósito de achegar aos mozos a actividade parlamentaria, tres exdeputados da Cámara galega dirixíronse este martes aos alumnos do instituto pontevedrés, foron Xulio Pardellas (PSOE), Salomé Álvarez (BNG) e Jacobo Moreira (PP).
"Aínda que vós pasedes da política, a política non pasa de vós", dixo Pardellas aos alumnos ao comezo da charla. Equivocábase. Os rapaces non pasan da política, ao contrario, víuselles participativos e moi comprometidos coa actualidade. Tanto que case nin se falou do Parlamento Galego, interesaban máis outros temas como a corrupción, o paro, ou o desprestixio da política.
En España hai 40.000 liberados políticos, explicou Pardellas "que saian na prensa con cousas negativas son só 30 ou 40, apenas o un por mil, pero fixádevos o que sae nas enquisas sobre a opinión da xente sobre os políticos".
- "Pero ¿qué opinais de que esos pocos no sean juzgados?", pregunta unha moza.
Os tres ponentes míranse entre eles e responde Salomé, "eu espero que ninguén se vaia de rositas".
- "¿Por qué al Gobierno le da igual que haya tanta protestas en su contra?".
- "¿Por qué no escuchan a los ciudadanos o hacen referéndums?".
As preguntas amontóanse pero as respostas non son sinxelas. Salomé Álvarez acaba confesando que "votar, as veces, non chega". "Cada catro anos os políticos examínanse ante a cidadanía", aporta Moreira. "A protesta é lexítima e necesaria", engade Xulio Pardellas apelando á Liberdade de Expresión.
Jacobo Moreira ponlles un exemplo aos mozos "sentado aí con vós seguindo esta charla está un xornalista de PontevedraViva e seguro que se agora entran neste auditorio tres persoas cunha pancarta vai titular a súa noticia: 'Protesta ante tres exdeputados en Pontevedra', e iso será todo o que se saiba do que pasou aquí", engadindo Pardellas "e logo irá medrando a noticia coma unha bola de neve e outros dirán que houbo violencia e cada vez irá a máis".
- "Ou sexa que estades máis preocupados polo que dí a prensa que polo voso traballo", contéstalles un alumno.
- "Non é medo a prensa. Nos medios de comunicación estase dando opinión e iso inflúe no voto", replica Xulio Pardellas.
A partir de aquí o debate céntrase na importancia da participación na vida política, nas asociacións, "canto máis capital social haxa máis democracia haberá", insiste Salomé Álvarez.
- "Pero por que o voto en branco non vale para nada? Por que beneficia o máis votado?, sinala unha rapariga.
- "¿Y por qué no se eliminan las cosas que no sirven como las diputaciones?", di outra moza. "Serven para enchufar aos amigos", respóndelle un rapaz.
- "¿Hace falta alguna formación para ser político?"
- "¿Y vosotros de qué partidos sois?"
"Eu son do Partido Popular", explica Jacobo Moreira. "Argh!" Exclama a mesma rapaza que lle acababa de preguntar. "Eu fun deputada co BNG pero agora estou en Anova", apunta Salomé "e eu son do PSOE", completa Xulio Pardellas.
A Jacobo Moreira diríxenlle a que Pardellas denominou como a pregunta do millón: "canto gaña un deputado". Ao contestar aos alumnos que un deputado gaña uns catro mil euros e pico, a moza reacciona cun "¡jopé!".
Así de entretida está a charla cando se completa xa máis de hora e media, de modo que os ponentes para pechar dirixen unha última mensaxe aos mozos animándolles a participar na política e sobre todo a que consigan unha boa formación "porque unha boa formación abre portas".
- "Si pero las abre fuera de España", responden desde o auditorio.