Axentes da Policía Local rexeitarán realizar accións voluntarias ata que se resolva o conflito laboral co Concello
Por Anxo Lourido
As negociacións entre os representantes sindicais da Policía Local e o goberno local están en punto morto, así o manifestaba Antonio Millares, delegado sindical de Comisións Obreiras este venres durante a rolda de prensa convocada con José Moldes (UXT) e Maite Maquieira (CC. OO.). Sinalan que os integrantes da Policía Local están doídos coas manifestacións realizadas pola tenente de alcalde, Carme da Silva, nas que acusaba o Partido Popular de estar detrás das protestas dun grupo de axentes durante a celebración do pregón de inicio das Festas da Peregrina.
"La concejala ha convencido de que este conflicto vale la pena. Cuando ella considera que cualquier conflicto laboral lo puede manejar cualquier partido político tiene un déficit democrático bastante importante". Millares respondeu así as acusacións indicando que non lembraba abrazar naquel acto ao concelleiro popular César Abal e que nunca falou con Rafa Domínguez, presidente local do PP. "Es una argumentación con tan poca base que hasta causa indignación", apuntou o delegado de CC. OO. que alertou de que a consigna non era boicotear o acto, senón asubiar o alcalde Fernández Lores e á concelleira Carme da Silva.
Tamén reclamou explicacións ao alcalde de Pontevedra por facer unha acusación de que esta protesta só era para defender uns privilexios. "Me gustaría saber cuáles son los privilegios de la Policía Local? ¿A qué le llama él privilegios?", sinalou o sindicalista.
Neste sentido, os sindicatos manteñen unha campaña de cartelería na que denuncian que a Policía Local de Pontevedra é a peor paga de Galicia mentres o alcalde Fernández Lores é o mellor pago.
Asegura que as protestas da Policía Local veñen marcadas pola asemblea. Por este motivo criticou a actitude da concelleira responsable da Policía, afirmando que Carme da Silva "o no se entera o ella sabe lo que está pasando y está haciendo una campaña de ataques personales a los delegados sindicales para que la opinión pública y el peso del conflicto caiga sobre ellos o menoscabar la labor de la Policía Local". E apuntou a que nunca se reuniu con estes representantes sindicais de CC.OO. e UXT.
Ante a imposibilidade legal de realizar unha folga, os axentes da Policía Local de Pontevedra negaranse a realizar actividades voluntarias como viñan exercendo en facetas como educación viaria ou mediación en conflitos.
Esperan retomar a negociación das condicións laborais e salariais en setembro co concelleiro Vicente Legísima e manterán a súa petición de que se os equipare co grupo C1, ao que corresponden desde 2007. A diferenza, segundo Antonio Millares, mantense entre os representantes sindicais e o Concello en 1.800 euros anuais por axente.