Anonymous 'hackea' a web do Partido Popular de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Anonymous ataca de novo. Pero esta vez o colectivo de ciberactivistas non puxo as súas miras nos seus obxectivos tradicionais, as grandes corporacións e as institucións públicas. A súa nova vítima foi a páxina web do Partido Popular en Pontevedra. A súa páxina principal foi 'customizada' para recoller as principais reivindicacións deste movemento. Nesta ocasión relacionadas cos desafiuzamentos e os escraches.
"Anonymous dentro de la #OpDesahucios vuelve a la carga, Hackea y Escrachea la Web del Partido Popular de Pontevedra". Era a curta mensaxe coa que Anonymous reivindicaba a través de Twitter este ciberataque contra a web dos populares pontevedreses, unha acción que se produciu contra as doce da mañá deste martes.
Anonymous dentro de la #OpDesahucios vuelve a la carga, Hackea y Escrachea la Web del Partido Popular de Pontevedra ppdepontevedra.com
Anonymous Vendetta (@AnonymousUVE) 14 de mayo de 2013
A presenza de Anonymous na web do Partido Popular de Pontevedra faise visible nada máis entrar en www.ppdepontevedra.com. A galería de imaxes que acompaña a fotografía do presidente local do partido, Telmo Martín, foi substituída pola figura dunha persoa que porta a máscara do protagonista da película V de Vendetta, e que se converteu nun dos emblemas máis recoñecidos da actualidade.
Se se fai click na imaxe, Internet rediríxenos a un video aloxado na plataforma YouTube que, baixo o nome #ESCRACHE - #Anonymous & @LA_PAH - Sí se puede!, no que acompañado por unha sucesión de imaxes superponse o lema deste colectivo: "Somos anónimos, somos lexión. Non perdoamos, non esquecemos. Esperádenos!". A continuación utilizan un fragmento do programa Carne Cruda 2.0, da Cadena SER, como reflexo do seu ideario.
Ademais, outra imaxe situada na parte esquerda da páxina web popular reivindica a campaña de apoio de Anonymous a Stop Desahucios, advertindo que "as regras do xogo están a piques de cambiar". ÿ unha máis das protestas que se enmarcan nunha campaña chamada Operación Desahucios, emprendida por este movemento nas últimas semanas, como protesta ante a "ineficacia dos poderes públicos" ante esta situación social.
Esta acción de Anonymous é unha máis na súa longa lista de ciberataques. Comezaron a súa actividade como forma de reivindicar a liberdade de expresión ou a independencia da Internet, pero o caso Wikileaks prendeu a mecha no grupo e tombaron a todos os que negaron o seu apoio a Julian Assange, como Visa, Mastercard, PayPal ou Amazon. A partir de aí, puxeron as súas miras nas grandes corporacións ou nos poderes públicos.
Coordinaron ataques ao FBI, ao Pentágono, a diferentes gobernos, entre eles o español, partidos políticos, empresas e colectivos aos que acusan de inoperancia ante a crise e de impulsar medidas e políticas que non contribúen ao ben común. E todo iso cunha das súas bandeiras como referente, un home sen cabeza e traxe formal que representa a ausencia de líderes ou dirixentes capaces de resolver os problemas sociais.