A PO-234 gaña en seguridade viaria cunha nova beirarrúa no seu tramo urbano de Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas asumiu unha actuación para mellorar a seguridade viaria no tramo urbano da estrada autonómica PO-234, entre o centro e Augasantas. Trátase dunha actuación destinada a mellorar a mobilidade peonil entre o solo residencial no que están construídas varias vivendas unifamiliares e a rúa González Besada.
O Concello decidiu afrontar a obra con fondos propios para solucionar a inseguridade viaria que supoñía que os peóns tiveran que transitar pola beira da calzada ou cruzar para utilizar a beirarrúa existente na outra marxe.
A obra, realizada despois de solicitar autorización á Consellería de Infraestruturas como entidade titular da estrada, consistiu na construción de 200 metros de beirarrúa dunha anchura de metro e medio. Na zona correspondente a unha curva, situada a diferente nivel dunha veiga, foi preciso executar unha placa de formigón para garantir a estabilidade das lousas do novo paso peonil.
O Goberno local lembra que se trata dunha actuación tipo, que a Consellería de Infraestruturas executa de xeito habitual nas travesías urbanas, pero que Ponte Caldelas tivo que asumir en solitario "diante da inexistencia de calquera planificación neste senso".
Lembran, ademais, que se trata dunha estrada "perigosa", con carrís de tres metros e sen apenas beiravías, cuxa mellora integral está comprometida oficialmente con Ponte Caldelas dende o ano 2007. Insisten en que ten nas curvas cegas situadas nas proximidades do pobo de Laxoso o seu tramo máis conflitivo, marcado por unha importante sinistralidade.
O Concello tamén saca a relucir que chegou a propoñer un convenio pioneiro coa Consellería de Infraestruturas en xaneiro de 2017 polo que cofinanciaría as obras cunha achega de 40.000 euros. A resposta da Consellería foi positiva, pero o resultado práctico foi que decidiu limitar a obra só ao lado de Augasantas, pertencente ao Concello de Cerdedo-Cotobade, onde hai un Goberno local do Partido Popular.
Relacionadas:
-
A Xunta avanzará na licitación da reforma da PO-234 antes de que remate o ano
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A plataforma da PO-234 reactívase "diante dos incumprimentos da Xunta"
Por Oskar Viéitez |
-
Nova actuación de mellora da seguridade viaria na PO-234, no único acceso a Portasouto
Por Redacción |