O PSOE denuncia a situación caótica nos centros de saúde de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O grupo socialista de Cerdedo-Cotobade denunciou este venres que a "situación de emerxencia e recortes" que está a vivir a sanidade galega chega tamén a este municipio e nos seus centros de saúde estase a vivir unha "situación caótica".
Como exemplo, aseguran que este venres os usuarios do servizo público de saúde que acuden ao centro médico de Tenorio (veciños das parroquias de Tenorio, Viascón, San Xurxo e Santa María de Sacos) atopáronse sen médico, polo que as urxencias foron desviadas ao centro de saúde de Carballedo e os restantes pacientes sufriron as cancelacións das súas citas.
Segundo explican os socialistas, isto sucede porque o médico titular atópase de baixa e non enviaron ningún substituto.
No centro de Carballedo ao que foron desviadas as urxencias a situación non é mellor, pois só hai un médico de familia que, ademáis de cubrir os pacientes adscritos ao seu posto, ocúpase das vacacións do outro facultativo que se atopa en periodo vacacional. Desta maneira, pasa a facer as tarefas de tres médicos.
Ao grupo socialista esta situación parécelle "preocupante e alarmante" porque ao tratarse dun concello do rural o paciente primerio desplázase ao seu centro de referencia, pero ante calquera complicación é derivado ao Hospital Provincial ou a Montecelo; polo tanto, os periodos de atención alónganse.
Os socialistas instan ao presidente da xestora, Jorge Cubela, a por en coñecemento da Xunta de Galicia esta situación, xa que non se poden seguir permitindo este tipo de recortes, especialmente, en algo tan delicado como a sanidade.