A reforma da rúa José del Río, desde o luns 20 de agosto
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra fixou para o vindeiro luns 20 de agosto o inicio das obras de reforma na rúa José del Río de Marín.
Así o confirmou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, que o citado día 20 asinará coa empresa adxudicataria o acta de replantexamento do proxecto para iniciar de maneira inminente as obras coa colocación da sinalización, os desvíos peonís necesarios e a demolición da beirarrúa da marxe esquerda.
As obras foron adxudicadas á empresa Construcións Castro Figueiro SLU por valor de 185.851,45 euros.
O cronograma dos traballos establece que os primeiros días realizarase a sinalización de obra e o replantexamento, marcando in situ as cotas e o deseño final. Habilitaranse tamén desvíos peonís para as beirarrúas da marxe dereita e crearanse entradas accesibles para as vivendas e baixos comerciais da marxe esquerda co fin de poder demoler a beirarrúa e a zona de aparcadoiro.
Posteriomente instalaranse as redes de pluviais, fecais, abastecemento de auga e iluminación pública, construirase a pasarela peonil para ampliar a beirarrúa esquerda sobre o río Lameira e realizarase a reurbanización da beirarrúa e o aparcadoiro, cun ancho de 2,5 metros para o tránsito peonil e dous metros para o estacionamento, para trasladar despois a actuación ao lateral contrario da rúa.
A obra finalizará co asfaltado, a execución de pasos de peóns elevados, a colocación de luminarias e mobiliario urbano e a sinalización vertical e horizontal.
Relacionadas:
-
A rúa José del Río será transferida ao Concello de Marín tras a súa reforma
Por Oskar Viéitez |
-
A rúa José del Río estrea imaxe
Por Redacción |
-
O xoves haberá cortes de tráfico debido ás obras que se acometen en José del Río
Por Redacción |
-
Agárdan que a reforma da rúa José del Río en Marín remate en outono
Por Redacción |