Un incendio calcina unha casa de madrugada en Vilaboa
Por Redacción
Unha vivenda de Vilaboa quedou totalmente destruída durante a madrugada deste sábado tras ser pasto das chamas.
Ao redor da 1:00 da madrugada un particular poñía en alerta ao 112 Galicia, que puxo en marcha un operativo no que participaron Bombeiros do Morrazo, de Pontevedra, Garda Civil e efectivos de Protección Civil.
Ao lugar, na Rúa Sajosa, acudiu tamén unha ambulancia do 061 ao non ter a certeza de que se tratase dunha casa deshabitada.
O lume alcanzou unhas dimensións que puxo en perigo a unha vivenda contigua e tamén a un centro xeriátrico, aínda que finalmente non foi necesario desaloxalos.
Ningunha persoa resultou afectada, pero os membros do servizo de extinción do Morrazo confirmaron o achado no interior da casa de dous cans totalmente calcinados.
Ás 3:15 horas os bombeiros daban por finalizadas as tarefas de extinción, aínda que ao cabo dunha hora tiveron que regresar ao lugar ao estar a se reavivar o lume sen que chegase a coller moita forza.