1.320 quilómetros de ilusión e esforzo para visibilizar as enfermidades intestinais
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Coa mochila cargada de ilusión. Así comezou este domingo Víctor Loira o reto de dar a volta a Galicia en bicicleta e patinete.
Este pontevedrés, vicepresidente da Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (ASSEII) e afectado da enfermidade de Crohn, propúxose percorrer 1.320 quilómetros ao longo de toda a comunidade repartidos en 17 etapas para visibilizar as enfermidades intestinais e recadar fondos para financiar un programa de axuda psicolóxica a enfermos e familiares.
"Conseguir adestrar e estar hoxe aquí fai que para min o reto estea xa conseguido", explicou emocionado Loira arroupado de familiares, amigos e diversos colectivos na súa saída desde a Praza de España de Pontevedra.
Non se trata ademais dunha tolemia, defende, porque "levo adestrando todo un ano" para poder conseguir completar o desafío, aínda que "prima a miña saúde", asegurando que "se teño que parar na etapa 5 pola miña saúde párase".
Espera non ter que facelo e poder difundir o traballo da súa asociación, contribuíndo á sensibilización social, e explicando a necesidade de contar con aseos adaptados para persoas ostomizadas. Por iso fará parada en cada etapa nun hospital do Sergas, empezando este domingo polo Álvaro Cunqueiro de Vigo.
A primeira etapa levaralle ata O Porriño en patín, e despois alternando coa bicicleta chegará a Ourense, Trasmiras, A Veiga, Monte Furado, Lugo, Burela, Ortigueira, Ferrol, A Coruña, Muxía, Cee, Noia, Ribeira, de novo Pontevedra, O Milladoiro e Santiago de Compostela, onde ten previsto chegar o día 4 de setembro.
Ao tratarse dun reto solidario, ASSEII habilitou unha conta bancaria a modo de fila 0 na que poder realizar doazóns (ES51 2100 2188 8102 0037 9276).
Ademais a farmacéutica Janssen, colaboradora da iniciativa xunto a Concello de Pontevedra, Deputación e Xunta de Galicia, financiará un documental sobre esta experiencia que se irá gravando ao longo das diferentes etapas coa intención de distribuílo despois a nivel nacional.
Na saída do reto estiveron presentes ademais de familiares e amigos a presidenta de ASSEII, *ngela Paz, o xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra, José Ramón Goméz, ou a deputada provincial Digna Rivas, entre outros.
Relacionadas:
-
850 quilómetros en bicicleta para visibilizar as enfermidades inflamatorias intestinais
Por Redacción |
-
RADIO.- Cara a cara: Alba Santos, a "vagamunda" de Somos Nupa
Por Marisa Ciordia |
-
Víctor Loira chega a Pontevedra na súa volta a Galicia polas doenzas intestinais
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
En bicicleta e patinete por toda Galicia para visibilizar as enfermidades inflamatorias e intestinais
Por Redacción |