Os socialistas denuncian a "pésima" recollida do lixo na zona de Juan Bautista Andrade
Por Oskar Viéitez
"Sales do centro da cidade e todo está igual: abandonado á súa sorte". Así se manifestou o portavoz do Partido Socialista en Pontevedra, Tino Fernández tras visitar a rúa Juan Bautista Andrade e as súas rúas transversais.
Na visita, os socialistas comprobaron sobre o terreo como todos os contedores de papel e cartón instalados na rúa estaban cheos e acumulaban lixo ao seu ao redor.
"Esta é unha das entrada da cidade. Que presente este aspecto dá unha idea da incapacidade do goberno municipal para xestionar ata o mais básico como é unha boa recollida do lixo", valorou o portavoz do PSOE.
Segundo denunciaron, a situación de deterioración acentúase nas rúas transversais. Algunhas como Francisco Asorey ou a Rúa da Torre presentan un aspecto "inaceptable", con beirarrúas e beiravías "invadidas" pola maleza e contedores de lixo en estado "deplorable".
"Esta non é a Pontevedra que exhibimos cando gañamos premios pero os veciños e veciñas que viven nestas rúas tamén pagan impostos e merecen moito mais respecto por parte do goberno" indicou o portavoz socialista.
Fai mais dun ano que os socialistas expuxeron unha moción para mellorar a seguridade na rúa da Santiña, pola que pasan cada día centos de peregrinos. O Goberno do BNG comprometeuse a actuar "pero a rúa segue tendo un compoñente importante de perigo para os peóns".
"Actuar na ponte do Burgo está moi ben, pero esquecerse de todo un barrio que hai a continuación da ponte, dá para pensar que o goberno non ten moi claras as súas prioridades", afirmou Tino Fernández.
Os socialistas volverán expor esta situación no próximo Pleno da Corporación e convidarán o alcalde a que os acompañe nalgunha das súas visitas xa que "parece que os concelleiros do goberno non lle informan debidamente, polo que nos ofrecemos a deseñar un roteiro do abandono e a acompañarlle para que se decate da situación real dos barrios de Pontevedra" finalizou dicindo o portavoz do PSOE.
Relacionadas:
-
Os socialistas esixen explicacións pola "mala recollida do lixo" durante os festivos
Por Redacción |
-
Marín solicita ao comercio da vila a súa adhesión á recollida de cartón
Por Redacción |
-
Desbloqueadas as obras do Gorgullón, Multiusos, Ponte do Burgo e o Mercado de Abastos
Por Diego Espiño |
-
Os socialistas instan o arranxo da rúa da Santiña
Por Oskar Viéitez |