Por unha Festa do Mar sen machismo nin botellón
Por Redacción
A Asociación de Mulleres en Igualdade de Poio pide ao goberno local que promova nas festas que teñen lugar no concello a filosofía de 'Cero Machismo, Cero Botellón, Cero Vandalismo e Cero Drogas' que durante a pasada fin de semana se puxo en marcha durante o Entroido de Verán de Redondela coa campaña 'Redonda 0,0'.
O colectivo feminista aposta por concienciarse da necesidade de eliminar dos espazos de lecer xuvenil a inxesta abusiva de alcol, o consumo de alcol e drogas por menores, os actos vandálicos, e promover a erradicación da sociedade de calquera tipo de violencias machistas.
Mulleres en Igualdade Poio ofrece a súa colaboración ao Concello de Poio e aos organizadores da Festa do Mar, que se celebrará a partir desta semana e inclúe concertos e outras actividades con afluencia de público xuvenil, para promover actuacións como as levadas a cabo polo goberno local de Redondela, co obxectivo de que as festas de Poio sexan tamén festas sen machismo, sen botellón, sen vandalismo e sen drogas.
O colectivo que preside Maritxe González felicita ao Concello de Redondela polo éxito da súa campaña e expresa o seu apoio á erradicación do consumo de alcohol e drogas por menores e ao vandalismo, especialmente cando acontece nas festas populares e nos espazos de ocio da mocidade, ademais da determinación de erradicar calquera actuación que atente contra a integridade das mulleres e as nenas, "unha lacra que, por desgraza, estamos a padecer cada vez con máis intensidade e que precisa de solucións urxentes".
A xunta directiva da asociación esixe solucións "inmediatas e contundentes" e fai un chamamento aos concellos, "como servizos públicos de cercanía", para que estean ao carón da cidadanía e fagan fronte á violencia machista "dentro das súas competencias e da obrigatoriedade que lles outorga ser a máxima institución que representa á veciñanza no ámbito local", dicindo non á violencia machista nas súas festas, no ámbito educativo, no cultural, no social, no deportivo e en tódolos eidos nos que estea presente a administración municipal.