ÿltimos pasos para aprobar o PXOM do Grove
Por Redacción
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, recibiu este martes ao alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez García, para tratar os derradeiros avances do Plan Xeral de Ordenación do Municipal. No encontro, ao que tamén asistiu o equipo redactor do PXOM, constatouse que o proxecto de documento de planeamento xa está practicamente listo para solicitar á Xunta a emisión do Informe Previo á Aprobación Inicial, trámite que o concello solicitará o vindeiro mes de xuño.
A Consellería disporá de dous meses para emitir dito informe urbanístico.
Non obstante, aclarou que este prazo empezará a contar no momento en que os técnicos acrediten e verifiquen que se presentou a totalidade da documentación necesaria.
O modelo de urbanismo sobre o que traballa o concello baséase en tres piares:
- Mellora dos accesos de comunicacións: neste eido cobra especial importancia a creación dun novo acceso, aproveitando parte do existente, que comunicará directamente a entrada ao concello (PO-317) coas zonas industriais e de Porto Meloxo, co fin de desconxestionar o tráfico pesado do centro urbano.
- Concentrar os usos industriais e de escaparate. O PXOM propón a creación de zonas industriais e de escaparate diferenciadas, co fin de completar a oferta existente e concentrar estes usos para evitar a dispersión actual.
- Un crecemento ordenado: o desenvolvemento proposto compacta a trama urbana, á vez que pon en valor os recursos naturais e preserva as áreas de protección: POL, rede natura, protección arqueolóxica e demáis.