8.000 persoas percorreron este 2018 o Camiño portugués da Costa
Por Redacción
En 2016, o Camiño Portugués da Costa lograba a distinción oficial e era recoñecido como itinerario xacobeo, grazas á entrada en vigor da Lei do patrimonio cultural de Galicia. Desde entón o número de peregrinos foise multiplicando pasando de 1.474 persoas en 2015 a preto de 8.000 que realizaron este traxecto neste primeiros oito meses de 2018, superando o volume de peregrinos que percorreron esta ruta en 2017. Desta forma, multiplícase por cinco o número de visitantes que levaron a cabo a nova ruta xacobea e trátase do sexto itinerario máis percorrido, concentrando ao 3,7% dos camiñantes.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, percorría este martes un tramo deste Camiño en Baiona destacando estes datos e apuntando que no Plan director do Camiño de Santiago está prevista a sinalización e mellora deste trazado coa construción dun albergue en Vigo e a realización de actividades divulgativas e culturais.
Nava Castro fixo referencia ao programa de artes escénicas Vive o Camiño, que ofrecerá espectáculos o mércores 22 en Soutomaior; o xoves 23 en Vilaboa; o luns 27 en Pontevedra; o martes 28 en Barro e o mércores 29 en Caldas de Reis, entre outros lugares.
Desde a Xunta de Galicia anúnciase tamén a xestión do Camiño de Santiago a través de iniciativas como o proxecto europeo Facer Caminho, coa idea de impulsar esta proposta na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través dun aproveitamento sustentable.
Relacionadas:
-
A asociación de Amigos do Camiño Portugués inaugura o Bosque das Camelias
Por Redacción |
-
Última viaxe do "Tren peregrino" que este verán percorre o Camiño Portugués
Por Redacción |
-
Os peregrinos do Camiño Portugués seguen á alza: aumentaron un 15% no primeiro semestre
Por Natalia Puga |
-
Tráfico vixía os peregrinos
Por Oskar Viéitez |