O Mar xa está de festa en Combarro
Por Oskar Viéitez
"Acompaña o tempo, hai un bo cartel de actividades para todos os gustos, hai rock, e o inmellorable produto da nosa ría", razóns "de abondo" para o alcalde de Poio, Luciano Sobral como para que Combarro este "cheo" durante esta nova edición da Festa do Mar, a número 18.
Este mércores abriu as súas portas a carpa gastronómica e centos de persoas xa puideron degustar un variado menú no que destacan as ameixas á mariñeira (9 euros), ameixas con fideos (7,5 euros), arroz mariñeiro (7 euros), berberechos á prancha (13 euros), luriñas á prancha (10 euros), croquetas de carne (7 euros), fritura de mar (14 euros), lagostinos á prancha (10 euros), gambas á prancha (13 euros), mexillóns ao vapor (4,5 euros), pescaditos fritos (7 euros), ou a tapa pequena de polbo á feira (11 euros). Consulte aquí a táboa completa de prezos.
Polas tardes a carpa gastronómica abrirá ás 19.30 horas.
Este mércores tamén se iniciará o Festival Infantil Chalaniña na Praza da Chousa, un espectáculo dunhas tres horas de duración coas actuacións da gramola gominola, A pequena grande orquestra e A tropa do doutor milagre.
Xa ás 21 horas arrincará a VI Mostra da Canción Mariñeira na carpa. Esta é a programación completa da Festa do Mar.
FESTIVAL ARMADIÑA ROCK
O Festival Armadinha Rock Estrella Galicia de Combarro prolóngase este ano de mércores 22 a domingo 26. Abrirá coa inauguración da exposición de Mulleres Galegas Ilustradas de Laura Romero, que terá lugar este mércores ás 21:30 e que permanecerá aberta durante o festival no Fogar Armadiña.
O xoves 23, o Espazo Armadiña Kids (Praza de San Roque) acollerá un espectáculo infantil da man de Polo Correo do Vento ás 19:30, e ás 21:30 proxectaranse no Espazo Nordesía (Praza da Rualeira) as pezas gañadoras da pasada edición do certame audiovisual Curtas Armadiña.
Durante a tarde do venres 24, a vila de Combarro encherase de pasarrúas con Balkan Paradise Orchestra, Fanfarria Furruxa e Batucada Os Queimatasas, así como tamén se ofrecerán distintas actividades destinadas ao público familiar: no Eirado da Rúa haberá o teatro "Sen Medidas" de Jano Costas ás 17:30. Máis tarde, ás 18:30, o Espazo Armadiña Kids acollerá o Concerto Punkinfantil, e o Espazo Concertos Estrella Galicia (Praza da Chousa) fará o propio ás 20:00 co espectáculo de circo das Sircópatas. A partir das 21:30, comezarán na mesma Chousa os agardados concertos de The Lákazans, Ses, La Pegatina e Skándalo Gz.
O sábado 25 será outro día cheo de actividade para todos os públicos. Tanto a partir das 12:00 como das 16:30, as crianzas poderán achegarse á Escola do Campo para gozar de obradoiros musicais. Ao mediodía, o Espazo Conferencias de Leite (O Peirao) ofrecerase como núcleo de presentación de proxectos, emprazamento onde tamén terá lugar ás 17:30 unha mesa redonda sobre o rock galego. O Espazo Nordesía acollerá os concertos diúrnos de Noite Fechada (13:00 h), Dudecan (16:30) e Almánimal (18:30), e Pinguela de Terra de Montes e Fanfarria Furruxa encherán de música o casco histórico de Combarro ao longo da xornada. Pajarito será quen ofreza desta volta un espectáculo para público familiar no Espazo Concertos Estrella Galicia ás 19:30, unha hora antes de que arrinque alí mesmo a quenda dos concertos de A Banda da Loba, O Sonoro Maxín, Amparanoia, Banda Xangai, Terbutalina E Zënzar.
O domingo 26, a edición rematará arredor do Espazo Directo Nordesía, onde se entregará ás 13:15 o premio do III Concurso de balcóns, patios e solainas. Alí mesmo, todos os asistentes poderán gozar ás 13:30 da sesión vermú a cargo de Voodoo.
Relacionadas:
-
Últimas horas da fin de semana na que Poio máis sabe a mar
Por Diego Torrado & Redacción |
-
The Lákazans, Ses, La Pegatina e Skándalo GZ reúnen 10.000 persoas en Combarro
Por Diego Torrado & Redacción |
-
En Poio, se non é SI, tamén é NON
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide un operativo especial de tráfico para a Festa do Mar
Por Redacción |
-
A Festa do Mar faise maior de idade
Por Diego Espiño |
-
A Festa do Mar de Combarro incluirá un festival infantil
Por Oskar Viéitez |