Comeza unha campaña para monitorizar cetáceos na costa galega
Por Oskar Viéitez
A ONG galega CEMMA, acrónimo de Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, dá comezo a unha actividade de monitorización de cetáceos na plataforma de Galicia durante agosto e setembro. Estas campañas serán realizadas dende Vigo e O Grove.
Dende o ano 2003 ata o ano 2011 a CEMMA levou a cabo 125 embarques, cunha media anual de 14, nos que realizaron 398 avistamentos de cetáceos, cunha relación media dun avistamento cada 2,4 horas de navegación ou 28,6 quilómetros percorridos.
A falla de financiamento truncou ese traballo rutineiro e nos seguintes anos realizáronse tan só campañas de foto identificación e campañas puntuais e sen continuidade. Agora a CEMMA quere recuperar as campañas sistemáticas de monitorización de cetáceos nunha experiencia na que contará coa participación dos seus asociados e de público en xeral, a gastos compartidos, que se incorporen á campaña. Calquera persoa pode participar independentemente dos seus coñecementos sobre o mar, cetáceos ou campañas.
Será realizada a primeira saída este xoves día 23 dende Vigo e están xa programadas cinco máis. Hai prazas dispoñibles para a do vindeiro 10 de setembro, con embarque dende O Grove.
A día de hoxe estas campañas son as únicas en Galicia autorizadas expresamente como actividade de avistamento de cetáceos pola Secretaria de Estado de Medio Ambiente, del Ministerio para a Transición Ecolóxica.
É unha iniciativa que presenta certas limitacións, espaciais e temporais, pero son unha boa oportunidade de continuar cos traballos de distribución e densidade de cetáceos comezadas en Galicia a principios do século XXI.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Dous arroaces irrompen en Aguete para mergullarse cos bañistas
Por Redacción |
-
O arroaz QUEIK das Rías Baixas ao Alentejo
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Atopan unha nova balea azul nas proximidades da ría de Arousa
Por Redacción |
-
Avistan unha gran balea azul fronte á illa de Ons
Por Oskar Viéitez |