O PSOE pide unha alternativa para evitar suspender o mercado ambulante
Por Oskar Viéitez
"No futuro o goberno debe ser mais receptivo e dialogante para evitar ter que suspender o mercado ambulante. É o traballo de moitas familias e iso debe terse en conta" indicou a concelleira do PSOE en Pontevedra Paloma Castro en relación coa suspensión da feira do próximo sábado debido á celebración dunha proba deportiva.
Paloma Castro lembrou que "o Concello sabe desde hai meses a data da proba e tivo tempo a negociar. Agora xa é tarde pero isto debe servir de lección para que non volva ocorrer".
A concelleira socialista lembrou que estas situacións xa se viviron en mandatos anteriores e crearon tensión. Segundo sinalou, entón tentouse "polo menos" negociar cos vendedores para buscar sitios alternativos.
Os socialistas reprochan ao goberno "a improvisación con que está a facer as cousas" e critican que "non hai capacidade ningunha para dialogar".
Finalmente, desde o grupo municipal do PSOE, propoñen a convocatoria dunha reunión cos vendedores ambulantes antes de finalizar o ano para analizar a coincidencia de eventos deportivos no ano 2019 e tentar así evitar que este problema volva xurdir.