Pode ser que fose aventurado cualificalos de visionarios, pero o indubidable é que a súa iniciativa non foi errada.Finais dos 80, Pontevedra e concretamente Salcedo, un grupo de pais deciden abrir unha escola de música para que os seus fillos teñan unha alternativa cultural para o seu tempo de lecer. Lecer que daquela - tamén como agora - podía levar flirteo coas drogas.
Trinta anos despois, preto de mil persoas pasaron por aquela escola. Son 18 os profesores que están a impartir actualmente clases a nenos, novos e adultos, calcúlase que a uns douscentos alumnos. Desa canteira saíu a banda de música. Nas Conversas na Ferrería contamos co seu actual director Marcel Van Bree; con Rebeca Piñeiro, contrabajista; Sara González, flautista e secretaria da Asociación Músico Cultural San Martiño de Salcedo; Francisco Javier Lavía, membro fundador da banda de música e co presidente ademais de músico, Víctor Cortizo.
Charlamos en PontevedraViva Radio como chegaron a este nexo de únión, como foi evolucionando aquel proxecto cultural que crearon aqueles pais; e cuestión fundamental como fan economicamente para manter esta actividade. Respostas que en maior, menor medida non están exentas de chamadas de atención ás administracións públicas.
Este aniversario ten pendente aínda un epílogo para o 24 de novembro. Un concerto nada desdeñable que a día de hoxe conta, pola contra, cunha axuda económica que se eleva aos cero euros. Quedan tres meses para que cambie o final da historia.