Cerdedo-Cotobade impulsará novas accións para a conciliación familiar
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade porá en marcha novas accións de conciliación familiar para seguir atraendo familias ao municipio, xa que considera que se trata dun servizo "moi necesario e moi valorado polas parellas e as familias á hora de decidirse por un lugar de residencia".
O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou estas accións este xoves durante a súa visita á ludoteca municipal de Cerdedo, que se desenvolve durante o mes de agosto, e sinalou que as novas accións se desenvolverán de xeito directo ou en colaboración con outras administracións.
Tras departir cos monitores e comprobar a satisfacción dos participantes, Cubela sinalou que o Concello está volcado nos Servizos Sociais en todas as súas áreas e que a axuda ás familias e as iniciativas de conciliación "son de gran importancia para fixar poboación e nelas temos o mesmo compromiso que no coidado e atencións a maiores e dependentes".
Neste senso, indicou que o goberno xa realiza unha forte aposta pola conciliación xestionando prazas e melloras nas garderías públicas e desenvolvendo moitos programas no verán pero quere "darlle aínda un pulo maior a esta área, polo que se van analizar distintas opcións para artellar novas iniciativas.
Cerdedo-Cotobade habilitou este verán unha cifra récord de case 200 prazas para atender aos rapaces do municipio e tamén a aqueles que volven á casa por vacacións. Ao igual que o ano pasado, desenvolvéronse ludotecas en Carballedo e Tenorio durante o mes de xullo e estase a celebrar, xa nas súas derradeiras datas, unha iniciativa similar en Cerdedo co obxectivo de dar cobertura a todo o territorio.
Paralelamente, tamén se celebraron campamentos para nenos de todas as idades e que permitían un maior respiro familiar ao incluir o réxime de pernocta.