Denuncian ante o Seprona media ducia de verteduras no monte Pituco nos últimos meses
Por Redacción
A Asociación Monte Pituco acaba de denunciar ante o Concello de Marín e o Servicio de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil de Pontevedra a presenza de ata media ducia de verteduras ilegais e incontrolados que se foron depositando en distintos puntos ao longo pista forestal do Pituco -ou Pornedo, polo seu topónimo tradicional- e dos seus aledaños nos últimos meses.
A entidade veciñal condena enerxicamente estas reiteradas agresións e rexeita a pasividade das entidades responsables do mantemento, conservación e defensa do monte, que non é ningún basureiro nin escombreira nin desguace.
Dende a Asociación Monte Pituco instan o Seprona e os responsables municipais a recabar todos os datos posibles sobre a orixe dos verteduras denunciados, a fin de atribuír responsabilidades e impoñer as sancións oportunas polas agresións cometidas contra o medio natural.
Recentemente apareceron medio cento de parachoques de automóbil e unha ducia de rodas vellas diseminados no lugar de Fonte das Pulgas. O grave depósito de material automobilístico xa fora detectado o pasado mes de xullo a raíz duns labores de desbroce que deixaron as pezas á vista, a poucos metros da pista.
Ante a falta de iniciativa por parte dos titulares dos terreos para erradicar este foco de contaminación, e polo feito de que a vexetación segue medrando arredor destes residuos que deberían ser entregados nun punto limpo ou nunha planta de tratamento específica para compoñentes plásticos e metálicos, a Asociación Monte Pituco esixe a súa inmediata retirada.
O colectivo veciñal critica a pésima imaxe e o inaceptable abandono que -por parte da Comunidade de Montes de San Xián- vén sufrindo este enclave pertencente ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo dende que en agosto de 2017 fose documentado -a carón do túnel da Variante de Marín- un variopinto depósito de madeiras, ferros e cravos oxidados, cartóns, cables, plásticos, roupa e cristais, aos que se sumou tamén un sofá destartalado. Doce meses despois, esta vertedura segue no mesmo lugar.
A última vertedura detectouse a pasada semana, co abandono de máis dunha ducia de bolsas de plástico cheas de restos de obra, envases para materias de construcción e outros residuos. Atópase no mesmo punto onde, en decembro do pasado ano, foron depositadas varias portas de madeira con cristaleiras incluídas