Moreira pide a "quen estea detrás" de Anonymous que cesen, "por favor", os ataques á web do PP
Por Alejandro Espiño
O portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Jacobo Moreira, expresa o seu "absoluto respecto" por todo tipo de críticas, aínda que cre que "este tipo de sabotaxes non son a fórmula máis adecuada para transmitilas". Así respondía ao ciberataque que sufriu a páxina web do partido en Pontevedra por parte dun hacker que actuaba en nome do colectivo Anonymous.
A nova, adiantada por PontevedraViva este martes, revolucionou a vida política municipal. O activista, que utilizou rutas de conexión aleatorias e un servidor aloxado nos Estados Unidos para impedir que se localizase a orixe do ataque, incluíu unha imaxe referida a este colectivo que daba paso a un vídeo en YouTube crítico coas políticas do goberno de España e as políticas económicas desenvolvidas en Occidente nos últimos anos.
Introduciron tamén na sección de noticias da web un texto, moi semellante ao narrado no vídeo, que fai especial fincapé no tema dos desafiuzamentos.
O grupo municipal do Partido Popular, segundo sinalou o seu voceiro, adoptou ao longo do día medidas para evitar que o ciberataque volva a producirse. Non obstante, Jacobo Moreira, quixo transmitir unha demanda "a quen esté detrás de Anonymous" a quen cualificou como os responsables da "sabotaxe" para que "por favor" cesen neste tipo de accións e "permitan que a web siga funcionando con total normalidade".
APOIO AS POLITICAS DE RAJOY
Así mesmo, o portavoz do grupo municipal do PP reiterou a súa total confianza nas políticas que está a desenvolver o goberno de Mariano Rajoy, que "non soamente evitaron situacións dramáticas como as que se están a vivir noutros países, como Chipre, senón que están empezando a conseguir que se revertan algúns indicadores económicos que meses atrás chegaron a sementar o pánico entre as estruturas económicas do país".
Jacobo Moreira cre tamén "desorbitadas, fóra de lugar e inxustas" moitas das afirmacións e insinuacións contidas non vídeo. Retirado o mesmo da páxina web e substituído por unha imaxe de Mariano Rajoy e Núñez Feijoo en Pontevedra, o PP decidiu manter durante uns días a nova colocada polo hacker, tanto para "sustentar esta resposta informativa do Partido Popular" como para que os usuarios desta web valoren o seu contido.