Ponte Caldelas pecha "as Festas das Dores máis multitudinarias da súa historia"
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas fixo este mércores balanzo das Festas das Dores, que durante os últimos días "encheron de vida a localidade" cun programa festivo "denso e atractivo".
O Goberno local, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, está "moi satisfeito" dos resultados desta edición, dado que "foron quen de atraer a decenas de miles de persoas". "A Alameda caldelá quedouse moi pequena en varias ocasións para acoller ao público", salientaron. O Goberno conclúe que "estamos diante das Festas das Dores máis atractivas e máis participativas de toda a historia do municipio".
O Goberno municipal recalca o "cheo total" nas actuacións de París de Noia e El Combo Dominicano, pero subliña tamén que a asistencia o sábado, coa orquestra La Oca Band, foi "espectacular e por enriba de todas as previsións". Tamén moi destacada, a aceptación do Festival Folclórico e do Festival "Son de Caldelas", así como o numeroso público presente nas tres representacións teatrais a cargo de Redrum Teatro, Malasombra Producións e as Mulleres Rurais de Ponte Caldelas, especialmente esta última.
O ambiente festivo en Ponte Caldelas prolongouse durante as Festas das Dores, como quedou ben claro coas sesións vermú nos concertos das bandas de música invitadas.
Finalmente, cómpre remarcar a gran presenza de público durante a procesión do martes, que estivo acompañada pola Banda de Gaitas Os Coribantes e a Banda de Guerra da Brilat.
O alcalde, Andrés Díaz, recalca que as Festas das Dores deron este ano un novo salto de calidade e, aínda que sempre xorden algúns imprevistos, o nivel organizativo alcanzou estándares moi altos. "Somos un Goberno humilde e se algo se torce pedimos desculpas e empeñámonos en que non volva suceder, sen entrar a responder aos oportunistas da política porque a propia veciñanza xa os pon no seu sitio", afirma.
Nesta edición das Festas das Dores, a primeira que se celebra dende a entrada en vigor da nova Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, Ponte Caldelas contratou un Plan de Autoprotección a unha empresa especializada, que se ocupou da revisión da totalidade das atraccións e instalacións feirais. Unha aposta pola seguridade que se viu acentuada pola presenza dos voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Redondela e unha dotación de ambulancia permanente.
O Concello subliña o importante impacto económico que as Festas das Dores tiveron sobre o comercio e a hostalería local, pois Ponte Caldelas viviu xornadas multitudinarias, con visitantes chegados das catro provincias galegas, que fixeron gasto na localidade e contribuíron así á dinamización da vila.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas pon en marcha o Plan de Autoprotección para as festas das Dores
Por Almu Dapena |
-
Famous e Ricky actuarán nas festas de Ponte Caldelas
Por Almu Dapena |
-
Critican a decisión do concello de cortar varias pólas de dúas árbores para dar acceso aos camións da París de Noia
Por Oskar Viéitez |
-
As Festas das Dores, toda unha homenaxe á música local con 'Son de Ponte Caldelas'
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas dá comezo ás Festas das Dores rexeitando calquera expresión de violencia machista
Por Redacción |