Sanxenxo rexistrou en agosto un 91% de ocupación
Por Oskar Viéitez
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) publicou os datos de ocupación correspondentes ao pasado mes de agosto rexistrando un 91,03%, sendo os cámping os que experimentaron un maior crecemento, pasando dun 73,93% en 2017 a un 85,9% este ano.
En canto aos datos de consumo rexistrouse unha subida dun 0,13 no mesmo. Nunha enquisa realizada entre os sectores de restauración, lecer e oferta complementaria pedíaselles que valorasen o índice de consumo dos clientes nunha escala de 1 a 5, a media resultante é dun 4,39 sobre 4,26 do ano pasado.
O sector turístico en Sanxenxo mira con bos ollos os resultados do mes de agosto, tradicionalmente o mes máis estable meteorolóxicamente e con mellores ocupacións do ano e é que a ocupación de agosto mantívose nas cifras marcadas en anos anteriores, igualando o récord do ano pasado.
Segundo o CETS, destes primeiros datos pode deducirse certa contención no sector nas súas expectativas despois do mes de xullo. Logo dun período de crecemento constante, que conseguiu romper moitos dos teitos establecidos ata a data, con chegada de viaxeiros e pernoitas nunca antes acadadas, o sector turístico en Sanxenxo considera que este 2018 está a ser "o ano da estabilización dos mercados". Segundo valorou o presidente do CETS, Francisco González "non pode haber un crecemento constante, as cifras récord marcadas o ano pasado dificilmente van poder superarse".
O máis importante, sinalou, é que o sector turístico en Sanxenxo "está a conseguir manter os prezos" no marco dun leve proceso de estancamento e caída da demanda turística a nivel nacional. "Queremos manter a rendibilidade e iso é o máis importante para o noso sector", destacou.
En calquera caso desde o CETS subliñaron que Sanxenxo demostrou contar cun sector turístico forte e desenvolvido que lle permitiu enfrontarse con solvencia a situacións difíciles no pasado e así o reflicten estes resultados do mes de agosto.
"Non estamos preocupados pero si debemos permanecer vixiantes e activos para seguir traballando con calidade e profesionalidade, non marcaremos un verán de récord pero debemos traballar para manter a senda do crecemento e a rendibilidade que conseguimos desenvolver no último lustro, o que debemos é ver a evolución de forma máis global, comparando as cifras cos veráns do ultimo quinquenio", concluíron.
Relacionadas:
-
Setembro, un mes cada vez máis forte para o turismo en Sanxenxo
Por Redacción |
-
As vivendas turísticas das Rías Baixas pechan un mes de agosto "excelente"
Por Oskar Viéitez |
-
A ocupación hoteleira na provincia baixou en xullo respecto a 2017 situándose nun 74%
Por Redacción |
-
Agardan que a ocupación hoteleira media para este verán nas Rías Baixas supere o 80%
Por Oskar Viéitez |