Os socialistas denuncian que Lérez "languidece" pola falta de mantemento
Por Redacción
Estradas cheas de maleza, beiravías impracticables, parques e zonas de xogo abandonados, mobiliario urbano e patrimonio totalmente esquecido. Son só algunhas das deficiencias que os socialistas detectaron nunha visita á parroquia de Lérez.
O voceiro do PSdeG-PSOE, Tino Fernández, asegura que esta situación "non foi unha sorpresa" porque en todas as parroquias do rural "o abandono é absoluto".
Fernández asegura entender o "enfado" dos veciños de Lérez porque o goberno municipal "non cumpriu nin unha soa das promesas feitas polo alcalde cando lles foi a pedir o voto" polo que afirman sentirse "estafados".
Os socialistas esixen a Lores que cumpra a súa palabra e actúe na parroquia de Lérez para corrixir as "desigualdades" que se producen con respecto ao resto da cidade.
"Durante este mandato, os veciños do centro son de primeira división. Os dos barrios son de segunda división. E os das parroquias, simplemente son invisibles", denuncia o PSdeG-PSOE.