A escola unitaria de Lamas, en Moraña, estrea sala de usos polivalentes
Por Redacción
A Escola Unitaria de Educación Infantil de Lamas, en Moraña, estreará co inicio de curso instalacións renovadas.
O Concello de Moraña finaliza estes días a mellora integral exposta na instalación, que pasará a contar cunha nova sala de usos polivalentes e que estará lista para o inicio do curso académico, previsto para o mércores día 12 de setembro.
Nesta unitaria, unha das tres coas que conta o municipio, procedeuse ademais ao pintado de todo o inmoble, o cambio de xanelas, a renovación da fontanería, o arranxo dos cuartos de baño e a súa adaptación para os alumnos -de 3 a 5 anos de idade-, a instalación dun novo sistema de cloración e a dotación de mobiliario, tanto nos baños como no exterior, onde se colocaron unha mesa e dous bancos na zona verde.
"Estarán listos para que os nenos comecen o curso nas mellores condicións, só restará a posterior colocación dunha pavimentación de goma na zona de xogos", explicou a alcaldesa, Luisa Piñeiro, tras visitar as instalacións.
Esta actuación compleméntase coa rehabilitación do CPI Santa Lucía impulsada polo investimento de 550.000 euros da Xunta e que está na súa fase final, e a xa acometida en San Lourenzo, quedando a de Amil para o Nadal.