Poio despide o verán con callos
Por Oskar Viéitez
A Festa dos Callos de Poio celebrarase este domingo día 9 de setembro na explanada da Seca, desde as 12 da mañá e durante toda a xornada.
Unha proba do éxito desta celebración gastronómica é que os seus organizadores, a asociación veciñal Boureante, víronse "obrigados a aumentar o número de racións" que sairán á venda ata as dous mil.
Segundo informou este mércores a concelleira de festexos de Poio, Lidia Salgueiro, os prezos mantéñense e a ración de callos con pan, viño ou auga, custará 6 euros. Tamén haberá polbo, empanada e doces a prezos populares.
Para "facer o corpo para o inverno" os membros da asociación veciñal Boureante encargaron uns 700 quilos de carne e 250 de garavanzos. "É moi traballoso pero pasámolo en grande" dixo unha das cociñeiras que convida a todos a ver os preparativos da comida elaborada con "moi bo produto e moi limpo", todo da casa.
Unhas 25 persoas traballan nesta festa que estará amenizada por varios grupos de música tradicional.
A deste 2018 será a edición número doce desta festa que empezou sendo só para os veciños que querían celebrar a recuperación da zona da Seca para os cidadáns. Ano tras ano foron sumando comensais consolidando esta cita no calendario das festas de verán de Poio.
Relacionadas:
-
A organización da Festa dos Callos repartirá dúas mil racións na Seca
Por Almu Dapena |
-
O arrecendo dos saborosos callos inunda A Seca
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Callos para dar e tomar en Poio
Por Diego Torrado |
-
A Festa dos Callos prepara 1.700 racións para este domingo na Seca
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |