Bueu vai de tapas para acompañar o festival de curtas
Por Redacción
Un total de 14 establecementos hostaleiros de Bueu participarán, desde o vindeiro venres 7 de setembro e ata o día 16, na terceira edición da Ruta das Tapas Cinco Estrelas, organizada polo Concello en colaboración do FICBUEU.
Esta iniciativa nación coa intención de unir gastronomía e cinema durante a semana do festival de curtos, polo que todas as propostas teñen o nome dunha produción audiovisual.
Ademais o director do FICBUEU, Manuel Pena, revelou que nesta edición do concurso gastronómico "contaremos cunha cervexa artesá conmemorativa do festival".
Os locais e propostas a concurso que competirán polos premios do xurado e do público son: A Centoleira con 'Titanic', A Cepa con 'Pradolongo', Aturuxo BOK con 'O bosque animado', A Esmorga con 'Jiro, dreams of sushi', la Cafetería Centro Social con 'Fariña', Noite Tapas con 'O mapa dos sons de Tokyo', O Pazo con 'Patton', O Ratiño Pequeño con 'Death Proof', Casa Quintela con 'Jurassic World', El Reloj con 'In time', Volver con 'Jeux d'enfants', O Farol con 'Call me by your name' e La Perfecta con 'Charlie e a fábrica de chocolate'.
Os petiscos terán un prezo de 2 euros e poderanse degustar de 12:00 a 14:00 horas e de 20:00 a 22:00 horas.