Moraña aumentará as horas de atención do servizo de axuda no fogar
Por Redacción
Case un 50% máis de horas de atención a maiores e dependentes. É o aumento nas prestacións do servizo de axuda no fogar que concedeu a Consellería de Política Social a Moraña. Con esta medida, segundo o goberno municipal, poderase eliminar, a falta dos derradeiros axustes e cálculos, a lista de agarda que existe.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, explica que o Concello contaba ata a data con 9.000 horas anuais desta prestación financiadas pola Xunta e veñen de concederse 4.356 horas máis por exercicio, o que supón un dos maiores incrementos de entre todos os municipios galegos.
"Tiñamos feito un bo traballo e as negociacións estaban ben encamiñadas, pero non pensabamos que o aumento do servizo chegaría a tanto", asegurou a rexedora, que engadiu que, coas 13.356 horas anuais de atención, rematarase "case seguro" coa lista de agarda.
O Concello conta na actualidade con 21 usuarios do SAF, 15 en réxime de dependencia e os 6 restantes no de libre concorrencia, e a relación de espera sitúase preto das vinte persoas.
A xente que está en agarda, segundo Piñeiro, ten realizadas unhas peticións dunhas 400 horas mensuais, polo que, coas case 4.500 anuais que lles acaban de conceder, "imos cubrir todo o servizo pendente".
Tras informar de que se vén de renovar o contrato do SAF con Eulen, que é a firma adxudicataria, a rexedora mantivo unha pequena xuntanza informal coas traballadoras para trasladarlles esta novidade e interesarse polas necesidades dos usuarios e o funcionamento xeral desta atención.