En menos de tres meses estará listo o carril bici entre o centro do campus universitario e a Illa das Esculturas
Por Redacción
Pontevedra contará cun novo carril bici situado no campus universitario cun trazado que unirá o centro desta zona da Xunqueira coa Illa das Esculturas pola parte de atrás da Facultade de Fisioterapia. O proxecto terá un custo de 49.500 euros e o prazo de execución é de 3 meses, aínda que o goberno local agarda que estea rematado nun prazo máis breve.
A concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, sinalaba que a comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente autorizara esta obra. Engadiu que non é unha solución óptima porque o obxectivo do goberno local sería crear unha plataforma única priorizando o uso peonil do campus universitario para ofrecer unha relación coherente co modelo de cidade.
Recoñeceu que, mentres non se materialicen os recursos económicos e técnicos para afrontar este proxecto, o adecuado é ofrecer continuidade ao carril para bicicletas de forma que se garanta a seguridade.
Ademais, Anabel Gulías informou sobre dúas obras relacionadas coa Universidade de Vigo no campus. Por unha banda, o Concello asumirá os gastos de mantemento de toda a parcela na que se instalará o skatepark á entrada do campus pola rúa Celso Emilio Ferreiro, aínda que a propiedade siga sendo da Universidade.
Tamén o "viario estruturante", que rodea o campus pasa a ser propiedade do Concello e se require á Universidade a cesión duns metros de terreo nas proximidades do estacionamento de Fisioterapia e de Ciencias da Educación para que os vehículos poidan manobrar e dar a volta nesa contorna.