700 ovos serán repartidos na IV Festa do Pan de Millo e Ovo de Tenorio
Por Redacción
Xurxo Souto, ex líder de Os Diplomáticos de Monte Alto, e Manolo Maseda serán os pregoeiros da IV Festa do Pan de Millo e Ovo que se celebrará este sábado 15 de setembro na parroquia de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade.
Este mércores, o presidente do municipio Jorge Cubela presentaba acompañado polos integrantes da asociación cultural Foula esta edición que contará cunha decena de actuacións musicais e actividades para todos os públicos.
A festa iniciarase no Campo da Festa de Tenorio a partir das 12.00 horas coa actuación dos Chaneiros de Marín. Tras o pregón comezará a sesión vermú cos Pandereteir@s do Val de Quireza e Comando Foucellas.
O momento esperado por todos os visitantes chegará coa repartición de 700 ovos con "pan de millo". A organización ten previsto repartir ao redor de 350 racións a un prezo de 3 euros a parella. Tamén se ofrecerán produtos como churrasco ou callos, entre outros elementos gastronómicos, a prezos populares.
Pola tarde, a música acompañará aos comensais coas actuacións de Os Abrentes de Cerdedo, Os Trazantes de Tenorio, Banda Escola Unión Musical de Tenorio, Banda de Cerdedo e Airiños de San Xulián. Ademais desenvolveranse actividades para os máis pequenos e se poderá gozar da Feira de Artesanía e de exhibición de instrumentos. Ás 21.00 horas, o evento finalizará co festival folclórico no que actuarán Serra-Lhe Aí! e Tiruleque.