O BNG insta á Xunta a que exerza as súas competencias exclusivas sobre os terreos de ENCE
Por Oskar Viéitez
O BNG presentou unha proposición non de lei no Parlamento galego sobre o exercicio das competencias exclusivas da Xunta na ordenación do litoral con respecto aos terreos nos que está instalado "o complexo industrial contaminante" das empresas ENCE e ELNOSA na ría de Pontevedra.
Os nacionalistas pretenden que a Xunta cambie a redacción do Plan de Ordenación do Litoral (POL) de modo que se deixe claro "que a permanencia máxima de Ence na ría remata o 31 de xullo do 2018".
A deputada Montserrat Prado esixe esta modificación "en atención ao interese público e a utilidade social dunha actuación demandada pola inmensa maioría da cidadanía da bisbarra de Pontevedra e de todo o noso país".
"Nos non imos darlle coartadas o goberno popular e que se poidan agochar en nosei que lexistalción que aproban outros. A realidade é que o PP si que lles gusta este escenario, si que lles gusta esta modificación da Lei de Costas. A Xunta non fixo nada para que a Lei non fora nesta dirección e que ENCE non seguira aí na ría", dixo Prado Cores, "é o momento de deixarlle claro á empresa cales son as regras do xogo".
Desde o Bloque Nacionalista Galego insistiron en que a Xunta ten unha normativa de competencia exclusiva en canto á ordenación da súa litoral que está recollida no Estatuto e que permite que o Parlamento decida que esa modificación fágase "e que se poña data límite para ENCE na ría de Pontevedra", polo que insta ao goberno que preside Alberto Núñez Feijóo a exercelas.