Comezaron as obras no núcleo de Bordóns
Por Redacción
Agora que a afluencia turística vai descendendo e antes de que cheguen as choivas de inverno, a empresa COVSA iniciou a obra de pavimentación do núcleo de Bordóns.
O pavimento actual que vertebra a zona atópase co firme nun estado de considerable deterioración, coa súa capa de rodaxe gretada e con importantes fochancas e roturas nese pavimento. Isto é debido, maioritariamente, á súa antigüidade, pero tamén é unha consecuencia das obras de instalación dos servizos urbanos e do tránsito diario que soporta.
As obras consisten en pequenas demolicións e traballos previos para a instalación de canalizacións de recollida de augas pluviais, a execución dos firmes e pavimentos, dotándoos dunha capa de zahorra e soleira de formigón. E, finalmente, acometerase a pavimentación e o realce de tapas e a instalación da iluminación e a sinalización vertical.
Para a súa execución establécese un prazo de tres meses. Serán catro semanas para o reformulo, demolicións e traballos previos, tres semanas para a instalación de recollida de augas pluviais, cinco semanas para a pavimentación dos firmes e unha semana máis para os traballos de remate e limpeza. Acordouse coa empresa adxudicataria, COVSA, que as obras comecen despois do verán, para non prexudicar a actividade turística da zona.
A zona de actuación esténdese ao longo de 900 metros e para a súa execución foi necesario obter autorizacións de Augas de Galicia, por estar o lugar afectado polas canles de rega de Bordóns, da Deputación de Pontevedra, polo entroncamento coa EP-92002, e da Consellería de Cultura e Educación, por atoparse nunha zona protexida do patrimonio arqueolóxico e etnográfico da igrexa parroquial San Pedro de Bordóns, o cruceiro de Palma e a Casa Reitoral.