Anceu homenaxea a Domingo Lopo, mordomo da súa centenaria Danza Celta
Por Redacción
A parroquia de Anceu celebrou este domingo a súa tradicional Danza Celta, un dos eventos culturais máis singulares de Ponte Caldelas, cuxa orixe pérdese nos tempos e que entronca directamente coas danzas brancas doutros puntos de Galicia.
A Danza de Anceu, que leva máis dun século (ninguén sabe exactamente dende cando) transmitíndose de xeración en xeración, celébrase coa interpretación de distintas pezas coreagrafiadas nas que os danzantes van intercambiando vimbios, paus, castañolas e cintas.
A deste domingo foi unha edición moi especial, pois serviu para homenaxear a Domingo González Lopo, veciño da parroquia e catedrático de Historia na Universidade de Santiago, ou sexa o mordomo que, dende hai 40 anos, encárgase da organización. A comisión de festas entregoulle un agasallo conmemorativo.
Na súa intervención, Lopo animou a manter viva a danza, que reivindicou como unha obriga, unha mostra de respecto polas xeracións anteriores e as tradicións máis apegadas á terra. "O millo seméntase nas veigas, pero isto hai que sementalo tódolos días nas casas", afirmou.
De antigo, a Danza Celta estaba a cargo dun grupo só masculino. As mulleres incorporáronse, segundo a documentación dispoñible, en torno aos anos 30. Ademais, co tempo foi cambiando o traxe dos danzantes, que antes levaban tamén un mandil e un pucho coroado pola "flor da Danza", unha especie hoxe desaparecida dos montes da zona.
O nome correcto é Danza de Anceu, aínda que dende hai algúns anos coñécese como Danza Celta. O repertorio foi modificado nos anos 70 incorporando algunhas das tradicións da Franqueira, como a do trenzado das cintas, pero o núcleo central mantense, rematando coas habituais reverencias diante da imaxe da Virxe, na porta da igrexa de Anceu.
O Concello iniciou neste mandato unha colaboración estable coas Festas de Anceu que consiste na contratación do grupo de gaiteiros, Os Alegres, que levan xa 41 anos interpretando as pezas musicais da danza, partitura orixinal desta celebración.